DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dotadas con 400 ou 500 euros segundo a titulación

Convócanse bolsas de desprazamento para que alumnado de Educación e Traballo Social realice as súas prácticas no rural

O prazo de presentación de solicitudes remata o 29 de setembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Ourense 26/07/2023

A Universidade de Vigo, a través da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade, convoca dez bolsas de desprazamento ao rural para o que alumnado dos graos de Educación Infantil, Educación Primaria e Traballo Social que se imparten na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense realice as súas prácticas curriculares no rural durante o vindeiro curso académico 2023/2024.

O obxectivo destas bolsas é sufragar os gastos ocasionados polos desprazamentos desde o lugar habitual de residencia ata o lugar no que se realiza o practicum, sempre que este teña lugar en entidades singulares de poboación de menos de 5000 habitantes. Con elas, recóllese na convocatoria, quérese “favorecer a elección de practicas curriculares en entidades que traballan pola mellora das condicións de vida da poboación do rural e en centros escolares destinados á infancia do rural”. A realización das prácticas curriculares en contornas rurais, sinálase, “ten un custo para o estudantado que impide, en ocasións, que as persoas con escasos recursos económicos accedan ás boas prácticas educativas que se desenvolven no mundo rural”.

A iniciativa está en liña co obxectivo nove do Plan Estratéxico da UVigo 2021-2026 de “reforzar o liderado da Universidade de Vigo como axente de xeración e de transferencia de coñecemento e como motor de desenvolvemento social a través da cooperación con entidades públicas e privadas”, concretamente coa acción “potenciar o rural coma motor de desenvolvemento social”. Igualmente, con esta convocatoria preténdese desenvolver a liña estratéxica tres, do programa de desenvolvemento estratéxico da Facultade de Educación e Traballo Social “desenvolver accións formativas conxuntas con empresas e institucións especializadas en atención á diversidade”.

A máis de dez quilómetros do concello de residencia

Concretamente, convócanse tres bolsas para o Grao en Educación Infantil, outras tres para o Grao en Educación Primaria e catro para o Grao en Traballo Social. Poden solicitar estas bolsas o alumnado matriculado na Universidade de Vigo no curso 2023/2024 na Facultade de Educación e Traballo Social nas materias de practicum dos graos de Educación Infantil, Educación Primaria e Traballo Social. Igualmente teñen que realizar as súas prácticas curriculares nun concello que diste máis de dez quilómetros do seu concello de residencia habitual e en entidades rurais e escolas rurais situadas nalgunha entidade singular de poboación de menos de 5000 habitantes.

A contía máxima individual de cada bolsa será de 400 euros en Traballo Social e 500 en Educación Infantil e Educación Primaria. A selección de persoas beneficiarias realizaraa unha comisión de avaliación tendo en conta a nota media do expediente académico do grao (ata 7,5 puntos) e que o alumnado teña concedida unha bolsa do Ministerio de Educación y Formación Profesional ou axuda de estudo UVigo (2,5 puntos). O prazo de presentación das solicitudes, xa aberto e que se realiza a través da sede electrónica da UVigo, remata o 29 de setembro de 2023. As bolsas serán incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda concedidas por calquera institución pública ou privada para o mesmo desprazamento e finalidade e o importe das axudas en ningún caso poderá ser de tal contía que de xeito illado ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos supere o coste da actividade subvencionada.