DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aprobáronse as normas de elaboración do POD e a normativa reguladora dos concursos de acceso do PDI

O debate arredor da organización docente e do financiamento da LOSU centra o Consello de Goberno

O reitor celebra os avances conseguidos co Ministerio na negociación das novas prazas do profesorado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 03/04/2024

As cuestións relativas á organización docente e ao financiamento da nova LOSU, a Ley Orgánica del Sistema Universitario, que obriga ás universidades a ampliar o seu cadro de persoal docente, protagonizaron o Consello de Goberno celebrado este mércores na Universidade de Vigo, unha sesión na que o reitor, Manuel Reigosa, informou en detalle sobre os acordos acadados na última reunión da CRUE, que tivo lugar en Santiago de Compostela. O reitor celebrou os avances conseguidos co Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades en canto ao financiamento adicional necesario para a implementación desta nova normativa e amosouse “moi satisfeito” coa boa disposición amosada polo goberno galego para sufragar, de maneira conxunta co ministerio, os fondos adicionais necesarios.

3100 millóns de financiamento adicional para as universidades

En canto ao grupo de traballo sobre financiamento da nova LOSU, o reitor explicou no seu informe que se vai avanzando de xeito claro cara a cifra do 1% do PIB, que é a cantidade que figura na propia lei. “Serían en total 3100 millóns de euros, nos que xa estarían incluídos os 800 millóns precisos para os cadros de PDI”, explicou o reitor vigués. Nesta liña, subliñou que inicialmente o Ministerio propúxolle ás autonomías, baixo o nome de Plan Integra, incorporar 4200 novos docentes axudantes doutores para poder cumprir coas esixencias da nova normativa, así como financiar un terzo destas prazas, “sempre e cando as autonomías puxesen as outras dúas terceiras partes”. 

A partir desta proposta inicial do Ministerio, desde a CRUE realizouse, a través de todas as vicerreitorías de Profesorado das universidades españolas, unha valoración de cantas novas prazas de axudante doutor eran precisas para pór en marcha a LOSU, chegando á conclusión de que eran necesarias 5500 prazas, fronte ás 4200 que propuña o Ministerio. Esta diferencia numérica debeuse, segundo indicou o reitor, a que o ministerio non incluía os cambios de dedicación -si a mudanza en asociados e axudantes doutores- e facía un cómputo sen ter en conta as áreas. 

Posteriormente á reunión compostelá da CRUE, tivo xa lugar unha nova xuntanza, neste caso en Madrid, entre a comisión permanente da CRUE, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e a ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, Diana Morant, coa que se conseguiron notables melloras nas cifras do programa Integra. “Desde o ministerio chegaron ás 5100 prazas e, a maiores, comprometéronse a pagar dous terzos dos fondos necesarios, en lugar do terzo que propuñan inicialmente”, indicou Reigosa, quen adiantou que o acordo que agora mesmo se está a negociar coas autonomías contempla que, no caso de que a autonomía acepte pagar un terzo, chegarase a ese número adicional de prazas e, no caso de que non haxa acordo, a comunidade autónoma recibirá unicamente o terzo proposto inicialmente polo ministerio. Neste senso, Reigosa indicou que desde Galicia a postura manifestada polo goberno galego é “totalmente positiva” e partidaria de facerse cargo dese terzo de financiamento adicional que establece o ministerio para as autonomías. De aprobarse este acordo, Reigosa adiantou que destas 5100 prazas á Universidade de Vigo corresponderíanlle 45, á Universidade de Santiago de Compostela 43 e á Universidade da Coruña 44.

Á marxe das cuestión relativas ao financiamento da nova LOSU, Reigosa explicou que desde a CRUE se crearon dúas novas comisións para facerlle propostas ao ministerio: unha sobre ámbitos e departamentos, cuxos traballos deberían estar rematados a finais deste mes, e outra sobre especialidades, cuxos resultados se exporán a finais de maio.  “En vez de agardar a que o Ministerio faga as súas propostas decidimos pornos a traballar para poder presentarlle previamente os nosos puntos de vista”, apuntou Reigosa, quen explicou que isto se debe a un cambio na propia política comunicativa da CRUE, desde onde se decidiu ser máis proactivo “indo por diante, facendo propostas en positivo en vez de agardar e dicir que non ás propostas que chegan desde o Goberno central”.

A maiores destas cuestións, o reitor tamén amosou a preocupación da CRUE sobre a captación de alumnado estranxeiro. “Somos o país europeo máis atractivo para estudantado Erasmus pero, ao mesmo tempo, somos tamén o país que menos alumnado internacional capta a tempo completo, é dicir, para facer aquí a carreira. Estamos por detrás de Hungría”, o que quere dicir que “hai algún atranco que habería que solucionar para facilitar a entrada de alumnado doutros países”.

Por outra banda, ao respecto da Comisión de Estatutos o reitor fixo fincapé en que continúan os traballos a bo ritmo e xa están rematados varios títulos, polo que a previsión é que este mesmo semestre se poida abrir a exposición pública para que as persoas claustrais poidan facer as súas achegas. A idea é que o proxecto finalizado se someta a aprobación do Claustro o vindeiro ano.

Normas de elaboración do POD para o curso 2024/2025

Máis aló do informe do reitor, un dos temas principais da sesión foron as Normas de elaboración do POD para o curso 2024/2025, unha proposta que chegou ao Consello de Goberno tras ser aprobada previamente na mesa de negociación do PDI. O documento establece os criterios para a distribución da docencia asignada a cada departamento entre o seu PDI, así como as condicións para a solicitude de novas prazas, no caso de ser necesario.

A normativa parte do principio de que os departamentos teñen capacidade para fixar os seus propios criterios para a asignación da docencia que teñen asignada ao seu PDI, pero, ao mesmo tempo, fixa uns criterios xerais para evitar, na medida do posible, o excesivo fraccionamento inxustificado das materias entre varios profesores e profesoras e minimizar o número de materias distintas asignadas a cada docente. Estes criterios tamén procurarán o equilibrio na repartición das tarefas docentes entre o profesorado, en función da súa dedicación docente evitando, na medida do posible, a concentración da docencia nun cuadrimestre e terán en conta as áreas de coñecemento do profesorado como criterio de especialización deste.

Entras as principais modificacións incluídas nas normas de elaboración do POD para o vindeiro curso, o reitor salientou que ata agora os departamentos “estaban a cegas en canto á participación do seu profesorado en mestrados, pero a partir deste momento xa se lles vai a información previamente”. Outra novidade refírese á organización cuadrimestral, de xeito que se ao longo do curso académico se incorpora algún docente permanente, a dirección do departamento poderá promover unha modificación do POD para que asuma a docencia proporcional que lle corresponda, tentando tamén que a modificación afecte o mínimo posible ao POD inicial.

Respecto dos criterios de prelación para a elección da docencia, o reitor salientou que o texto inclúe “o profesorado permanente laboral, que antes da LOSU non se incluía” e tamén recalcou que tanto as prazas definitivas como as interinas contémplanse “á mesma altura que os contratados doutores, porque son figuras equivalentes e probablemente nos Estatutos se reflicta unha equivalencia case completa”. Tamén se engade que o profesorado asociado a tempo parcial LOSU estará vinculado ás materias para as cales foi contratado.

Manuel Reigosa tamén destacou unha modificación importante respecto da mobilidade intercampus, que permitirá que o persoal docente investigador que asuma voluntariamente a docencia nun campus distinto daquel no que está situado o seu centro de traballo e, sempre e cando non haxa docencia libre no campus do seu centro de traballo, poderá solicitar as correspondentes indemnizacións por razón de servizo.

Normativa reguladora dos concursos de acceso do PDI 

O Consello de Goberno tamén deu o visto bo este mércores á Normativa reguladora dos concursos de acceso aos corpos docentes universitarios e ás categorías de profesorado permanente laboral e profesorado axudante doutor, aprobada previamente en mesa de negociación. O novo documento elaborouse, como destacaba o reitor, para adaptarse así ás esixencias da LOSU e unha das principais novidades atinxe ao profesorado axudante dou¬tor, xa que coa nova regulación “intensifícase a idea de que é unha figura clave que marca o inicio da carreira académica e ten vocación de continuidade”, de aí que se fortaleza o sistema de acceso previsto para esta categoría equiparándoo ao do resto de figuras de persoal docente e investigador permanente. Segundo Reigosa, isto é algo que a UVigo xa está facendo e por iso a normativa establece unha diferenciación entre “esta peza clave, coa que temos que ser especialmente coidados, e o resto de figuras”.

O documento aprobado hoxe regula a composición xeral das comisións de selección, as propostas dos departamentos, as convocatorias, o desenvolvemento das fases de concurso, os prazos, as reclamacións, etc. así como os baremos para o acceso ás diferentes categorías. Os cambios que o reitor destacou como máis relevantes están relacionados coa composición dos tribunais e comisións, xa que os membros alleos á universidade xa non serán seleccionados por sorteo, senón que serán propostos pola propia institución académica. O segundo cambio destacado por Reigosa refírese ás causas de recusación deste membros, que non poderán ter sido coautores de publicacións ou de patentes nos últimos seis anos; ter mantido unha relación contractual ou ser membro dos equipos de investigación que participan en proxectos ou en contratos de I+D xunto con algunha persoa candidata; ou dirixir ou ter dirixido a súa tese de doutoramento, defendida nos últimos seis anos. Estes requisitos, que o reitor cualificou de “lóxicos”, requirirán, “facer moitos cambios a posteriori en tribunais xa establecidos, será complexo”, recoñecía.

Outros temas da sesión

Na sesión de hoxe tamén se aprobou a convocatoria de eleccións de representantes de estudantes no Claustro. A diferencia do resto de colectivos, estes elíxense cada dous ano, tendo lugar as últimas no 2022, canda o resto de sectores da comunidade universitaria. O calendario farase público nos próximos días.

Por outra banda, tamén se deu o visto bo á modificación puntual da normativa de actividades titoriais e á modificación puntual do manual Docentia. Neste caso, o cambio xurde a raíz dunha solicitude previa da profesora Rebeca Díaz, de modo que en lugar de recoller que os docentes con resultado positivo na avaliación “non se poderán presentar ata que transcorran cinco anos, a partir da data do último informe definitivo de avaliación”, pasa a especificar que “non deberán presentarse a una nova convocatoria de avaliación”, pero en caso de consideralo, poderá facelo “sempre e cando os cursos académicos que se avalíen na nova convocatoria non se teñan avaliado nas convocatorias precedentes nas que se teña presentado”.

Ademais, tamén se aprobou o acordo das universidades públicas do sistema universitario de Galicia sobre os procedementos de admisión aos estudos universitarios oficiais de grao para o curso 2024/2025. Como explicou a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, este é un trámite que se realiza cada ano e o texto é o mesmo acordado polas tres universidades en anos anteriores, salvo pequenas modificacións puntuais.

Finalmente, a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, tamén presentou unha modificación do Regulamento da Comisión de Política Lingüística na que se establece o proceso de selección dos membros desta comisión.