DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade desenvolverase a través do Campus Remoto da UVigo

O día 2 de febreiro celebrarase unha nova edición do foro Expouniversitas

O seu obxectivo é valorizar traballos académicos e de investigación de alumnado e profesorado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Ourense 24/01/2024

O venres 2 de febreiro pola tarde o Campus Remoto da Universidade de Vigo acollerá a celebración dunha nova edición de Expouniversitas. Forum de Innovación e Investigación Educativa. Esta actividade convida cada ano aos membros da comunidade universitaria, tanto alumnado como profesorado dos tres campus da UVigo, a pór en valor os seus traballos académicos e investigadores.

O comité organizador desta cuarta edición, que se celebra só en formato virtual, volve a estar formado por profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, concretamente, por Pedro Membiela, Isabel Mociño, Sara Vázquez, María Lorenzo, Ángel Vázquez e Katherine Acosta. Expouniversitas, indican desde a súa organización, constitúe “un punto de encontro para o intercambio de experiencias e relacións entre todos os interesados de calquera área, en calquera tipo de innovación e/ou investigación”. A idea é desenvolver “un evento onde profesorado e/ou alumnado de maneira individual ou en grupo presenta os seus traballos máis interesantes feitos no ámbito universitario", comenta Pedro Membiela.

Diversidade de propostas

Este ano, a actividade, de balde, volve estar aberta á presentación de traballos realizados por alumnado e persoal docente e investigador das diferentes titulacións e campus da Universidade de Vigo no marco de materias de grao, posgrao e doutoramento e de traballos fin de grao ou mestrado. O día 2, as e os inscritos exporán, de xeito individual ou en grupo e durante un tempo limitado os seus traballos, en horario de 16.00 a 18.00 h. Co prazo para a presentación de propostas aínda aberto, desde a organización da actividade contan con repetir a cifra das anteriores edicións, situada en arredor de 40 traballos presentados. Deles destacan a súa diversidade, abranguendo desde temáticas do eido educativo ata o tecnolóxico.

Entre os beneficios de participar nesta actividade, desde a súa organización salientan a importancia de valorizar o traballo académico e investigador que se fai na institución académica, que o alumnado adestre as súas capacidades de exposición en público e que o profesorado coñeza experiencias educativas interesantes levadas a cabo por outros compañeiros e compañeiras. Neste senso, destacan o retorno positivo que ten para as persoas asistentes tanto o feito de participar presentando traballos como coñecendo o traballo que fan outros membros da comunidade universitaria.