DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mediante o convenio asinado este venres polo reitor da UVigo e o presidente desta entidade

Dirección e Xestión Pública busca avanzar na súa internacionalización a través da colaboración co Colegio de Jalisco

Explorarán liñas de cooperación en investigación e docencia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cooperación
  • Internacional
  • Reitor
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 06/10/2023

Creado en 1982 na localidade mexicana de Zapopan, o Colegio de Jalisco é un centro de investigación e docencia nos ámbitos das ciencias sociais e humanidades, no que se imparten diferentes estudos de posgrao e que conta con liñas de investigación directamente relacionadas cos ámbitos de traballo da Facultade de Dirección e Xestión Pública. Co obxectivo de potenciar a colaboración entre esta facultade do campus de Pontevedra e a institución mexicana, a Universidade de Vigo e o Colegio de Jalisco asinaron este venres un convenio de colaboración. Enmarcado na estratexia de internacionalización da facultade, este acordo foi asinado polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o presidente do Colegio, Roberto Arias, que destacaron a importancia que outorgan á internacionalización as dúas institucións.

“Queremos que a internacionalización chegue a todos os ámbitos; á docencia, á investigación e á transferencia, e formar parte dunha comunidade cada vez máis ampla”, sinalou Reigosa tras a sinatura deste convenio na Casa das Campás, nun acto no que participaron a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e o decano de Dirección e Xestión Pública, Enrique Varela. O reitor engadiu nese senso que, alén da cooperación con universidades europeas, “pensamos que os nosos aliados naturais están en Iberoamérica”, polo que agardou que este acordo marco “sexa o primeiro de varios”. Nesta mesma liña, Arias de la Mora destacou a “aposta importante do Colegio por internacionalizar as súas relacións” e incidiu nas conexións entre os estudos sobre “goberanza metropolitana” que desenvolve o Observatorio da Gobernanza G3 da facultade pontevedresa coas liñas de traballo dos investigadores do Colegio.  

Da investigación ás posibilidades da docencia híbrida 

O convenio asinado este venres ten a súa orixe, como explicou Varela, “na relación académica dos equipos do Observatorio da Gobernanza G3 da UVigo e do Seminario Multidisciplinario de Estudios Políticos” do Colegio de Jalsico, que coordina o investigador Alberto Arellano. De feito, tras a sinatura, Arias participou nunha xuntanza na facultade na que puideron afondar en posibles liñas de traballo conxunto entre o grupo de investigación que coordina Varela e tanto o seminario de estudos políticos Kratos da institucións mexicana como o seu Laboratorio de Estudios Metropolitanos, coordinado tamén por Arellano.

Máis aló do traballo investigador, Varela incidiu nas posibilidades de cooperación que poden impulsarse no ámbito da docencia, grazas ao “proceso de virtualización” acometido pola facultade. Este centro, lembrou, conta cun grao cunha modalidade presencial e outra virtual, coa que “conseguimos cambiar a curva de matrícula”, así como cun mestrado virtual en Dirección Pública e Liderado Institucional, “no que hai alumnado de nove países de América Latina”. Neste ámbito, o presidente do Colegio de Jalisco sinalou o interese desta entidade porque o seu alumnado poida participar en actividades formativas impartidas polo profesorado de Dirección e Xestión Pública, como un factor de diferenciación na súa formación.