DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A votación terá lugar o vindeiro mércores 13 de marzo

A directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca Díaz, opta en solitario á reelección

Baixo o seu mandato o centro foi recoñecido cos distintivos de Igualdade e Empregabilidade da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • TIC
  • Institucional
D. Besadío DUVI 06/03/2024

A catedrática Rebeca Pilar Díaz Redondo opta en solitario á reelección como directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, tal e como se confirmou este mércores coa publicación definitiva de candidatos/as. As eleccións serán o vindeiro mércores, día 13, e nelas están chamadas ás urnas os 131 integrantes da Xunta de Escola do centro: 105 docentes e 26 estudantes.

Díaz chegou á dirección da escola en marzo de 2021 e, dende entón, asumiu o que denomina “varios frontes de acción simultánea”, que frutificaron, entre outras cuestións, na consecución de dous importantes logros para o centro: o Distintivo de Igualdade, no 2023, e o Distintivo de Empregabilidade, hai apenas unhas semanas, méritos que achaca non só ás medidas postas en marcha desde o equipo de dirección da escola, senón tamén “ ao resto das persoas que están encargadas da coordinación das titulacións do centro, das prácticas externas, dos traballos fin de titulación, do Plan de Acción Titorial, enlaces de igualdade, Piune… “Todas estas persoas fan un traballo excelente e esencial para o bo funcionamento do centro e, sen este amplo equipo non sería posible a posta en marcha das novas iniciativas da EET nestes últimos anos”, subliña Díaz.

Preséntase con practicamente o mesmo equipo que a acompañou ata o de agora na dirección da escola, un equipo de continuidade co que tratarán de completar as diferentes iniciativas postas en marcha. Como subdirectores/as integran a súa candidatura os docentes Pedro Comesaña Alfaro, Verónica Santalla del Río e Ana María Cao Paz, e como secretario  Pedro Salvador Rodríguez Hernández.

Tres anos nos que se puxeron en marcha múltiples iniciativas

Coa chegada de Díaz á dirección, unha das primeiras medidas que puxo en marcha foi a reforma dos plans de estudo, tanto do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación como do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación, traballo que están tratando de rematar nestas semanas. 

Desde o principio e como medida prioritaria trataron de impulsar diferentes iniciativas dirixidas a visibilizar a titulación deste grao entre o alumnado pre-universitario,  as súas familias e o seu profesorado. Para logralo lanzáronse varias actividades, entre elas as Olimpíadas de Teleco, “nas que conseguimos unha inscrición na primeira edición (2023) de 256 estudantes (o 40% das inscricións en España) e na segunda edición (2024) de 441 estudantes (o 27% das inscricións en España)”, recalca Díaz, ao tempo que se lembra tamén da organización dos LPRO-Days en Vigo ou das Xornadas de Portas Abertas, en colaboración, neste caso, con outras escolas de Telecomunicación a nivel nacional, “medidas coas que conseguimos chegar a máis de 900 estudantes”. 

Nesta mesma liña de traballo achegaron aos centros de ESO, Bacharelato e FP un catálogo de 15 charlas divulgativas sobre diferentes temáticas nas que se traballa na EET, unha iniciativa coa que chegaron a 125 centros e que prevén ampliar en breve coa colaboración das empresas, “as nosas grandes aliadas”. Desde o primeiro intre propuxéranse formalizar e reforzar o vínculo co tecido empresarial para conseguir obxectivos comúns, tanto no que se refire á captación de talento  como á colaboración no ámbito formativo. “Creamos a rede de traballo conexiónTeleco, que nos permite colaborar man a man con empresas do noso sector”, salienta a candidata á reelección, quen recalca que con algunhas delas se estableceu un vínculo maior, como é o caso de Indra, a través da firma dunha cátedra no 2023, que estará en vigor por 4 anos, ou R, con quen xa había un convenio de cátedra asinado que se sigue mantendo nestes anos.

Ideas para unha nova etapa

De conseguir a vindeira semana a confianza da Xunta de Escola, a Díaz gustaríalles afianzar iniciativas de divulgación como as Olimpíadas de Teleco ou os talleres para visibilización da muller e da nena nas TIC, Elas Fan TIC. Por outra banda, para o novo equipo tamén será prioritario consolidar a rede conexiónTeleco, “que xunto coas cátedras de empresas supoñen un apoio esencial para todas as actividades que ofertamos no centro, tanto para o noso estudantado, ofertando actividades en orientaTE e integraTE, como para o alumnado pre-universitario, patrocinando as Olimpíadas ou Elas Fan TIC, por exemplo”.

En xeral, Díaz recalca que o programa de goberno abarcará diferentes liñas, tanto no referido á oferta formativa, como internacionalización, captación de alumnado e redución de taxas de abandono.