DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Outra vintena de títulos de grao serán parcialmente presenciais e o resto impartirán docencia mixta

Docencia 100% presencial en 10 graos e 24 mestrados da UVigo ao inicio do  vindeiro curso 

Así o acordou o Consello de Goberno, que aprobou o Regulamento do persoal investigador visitante

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 01/07/2020

O curso 2020-2021 arrancará na Universidade de Vigo marcado polas restricións derivadas da pandemia da Covid-19, que impoñen a docencia mixta, agás no caso daquelas titulacións que poden garantir as condicións para o desenvolvemento dunha actividade académica presencial, ben sexa total, ben parcial. Á espera de que nas próximas semanas novas titulacións se poidan sumar á relación, o Consello de Goberno da UVigo aprobou por asentimento na súa sesión de hoxe, que unha decena de graos e 24 mestrados comezarán a impartirse o vindeiro curso en modalidade totalmente presencial, mentres que outros 21 graos serán parcialmente presenciais, adoptándose nos 22 restantes a modalidade mixta, que combina actividades docentes presenciais e non presenciais. “Debemos sentirnos orgullosos por esta oferta cun alto grao de presencialidade, se se compara con outras universidades”, dixo o reitor, que agradeceu o esforzo realizado polos centros para acondicionar as súas instalacións e a carga de traballo do seu persoal, “a favor do alumnado e da Universidade”, dixo Reigosa. 

Na sesión celebrada este mércores, as e os integrantes do órgano de goberno da UVigo tamén deron luz verde ao Regulamento do persoal investigador visitante, do que a institución académica carecía ata este momento e, que permitirá regular o acollemento do persoal nacional ou internacional procedente de calquera entidade de investigación pública ou privada que pretenda realizar unha estadía asociada a unha actividade investigadora na UVigo. A aprobación da conta de liquidación do orzamento do exercicio 2019 para o seu trámite ao Consello Social e a ampliación do acordo que contempla adiar as prácticas externas só para as titulacións que habilitan para profesión regulada (Educación, Avogacía, Fisioterapia, Enxeñarías,..) ata outubro, ou se era necesario ata decembro, a todas as titulacións, coa finalidade de facilitar a realización das prácticas para todo o alumnado, foron outra cuestións que se trataron na sesión, celebrada de xeito virtual e tamén coa presenza dalgúns membros do Consello no Paraninfo do campus de Vigo. 

Outro dos acordos adoptados hoxe foi o de trasladar aos centros dúas propostas de calendario para o curso que vén, para que opten pola que máis se axuste as súas necesidades. Ademais da proposta xa aprobada no Consello celebrado o pasado 13 de xuño e que fixa o inicio da actividade académica o 21 de setembro e a súa finalización o 11 de xuño de 2021, os centros poderán optar pola alternativa formulada pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, que contempla un primeiro cuadrimestre do 21 de setembro ao 5 de febreiro de 2021 e un segundo do 8 de febreiro ao 18 de xuño. Mentres o reitor defendeu a conveniencia de ter un único calendario para a toda a Universidade, buscando unha solución específica para a facultade, o seu decano, insistiu en que “cómpre cumprir co calendario con 36 semanas que marca o Real Decreto”.

Seis graos presenciais en Vigo, tres en Pontevedra e un en Ourense 

O vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, comezou a súa exposición das solicitudes de presencialidade remitidas polos centros, expresando a súa satisfacción polo elevado número recibido e agradecendo o esforzo realizado polas escolas e facultades para implantar a docencia presencial no inicio do vindeiro curso. “Estamos moi contentos porque que hai un número de solicitudes bastante relevantes, posibles grazas ao esforzo do PDI que mesmo renunciou a horas de folgura para poder acadar a presencialidade”, sinalou Ramos, en referencia aos 10 graos e 24 mestrados que se impartirán de xeito 100% presencial na UVigo ao inicio do próximo curso.

No campus de Vigo seis son os graos que apostan pola docencia integramente presencial: Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios; Comercio; Enxeñaría en Tecnoloxías da Telecomunicación en castelán/galego e en inglés; Enxeñaría da Enerxía e Enxeñaría dos Recursos Mineiros. En Pontevedra os graos de Belas Artes, Enxeñaría Forestal e Dirección e Xestión Pública, serán os que comecen o vindeiro curso impartíndose se xeito presencial, mentres que no campus de Ourense, será Enxeñaría Agraria o único grao no que a docencia sexa totalmente presencial. Estes 10 graos que optan pola presencialidade supoñen o 19% da oferta formativa de grao da UVigo, que suma tamén para o inicio do vindeiro curso un total de 24 mestrados presenciais: dous en Ourense; cinco en Pontevedra e 17 en Vigo, que supoñen o 40% do total da oferta de mestrados da institución académica viguesa.

Outros 21 graos comezarán a impartirse de forma parcialmente presencial, o que quere dicir que a presencialidade darase unicamente para algúns grupos dalgunhas materias, algúns cursos, obradoiros ou prácticas clínicas, manténdose a docencia mixta noutras partes das titulacións. Esta presencialidade parcial aplicarase nalgúns casos en titulacións das facultades de Ciencias, Historia, Ciencias Empresarias e Turismo e Ciencias da Educación e do Traballo e na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, no campus de Ourense; así como nas facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación, Fisioterapia e na Escola de Enfermaría en Pontevedra e nas facultades de Filoloxía e Tradución, Bioloxía, Química e na Escola de Enfermaría do Meixoeiro no campus vigués. Estes graos supoñen o 38% da oferta total da UVigo, que se completa con 22 títulos de grao máis nos que se implantará a docencia mixta. Polo que respecta á oferta de mestrados para o vindeiro curso, ademais dos presenciais, complétase con seis títulos sen cambio de modalidade, nos que xa combinaba a virtualidade e a presencialidade, e 30 nos que se implantará docencia mixta.

Ademais de aprobar por asentimento esta reorganización da docencia para o vindeiro curso, as e os integrantes do Consello tamén deron luz verde á realización de actividades antes do inicio do período académico, concretamente entre os días 7 e 18 de setembro. Neste caso serán as facultades de Ciencias, Dereito, Ciencias da Educación e a ES de Enxeñaría Informática no campus de Ourense; a EE Forestal en Pontevedra e as facultades de Filoloxía e Tradución, Ciencias Xurídicas, Bioloxía, Ciencias do Mar, Química e as escolas de Enxeñaría de Telecomunicación, Minas e Enerxía e Enxeñaría Industrial as que nese período desenvolverán actividades docentes (agás para 1º curso), de acollida, de fin de carreira, ou prácticas. 

Un regulamento do persoal investigador visitante logo de 30 anos de existencia

A UVigo dótase desde hoxe, e logo de 30 anos de existencia, dun Regulamento do persoal investigador visitante que ten a finalidade de regular o acollemento do persoal nacional ou internacional procedente de calquera entidade de investigación pública ou privada que pretenda realizar unha estadía asociada a unha actividade investigadora na UVigo. Son estadías temporais as de duración superior a sete día naturais e inferiores a 24 meses. ”Este regulamento é o resultado dun ano de traballo, no que participaron tanto as comisións dos grupos de traballo do selo HRS4R como persoal dos distintos servizos e neste tempo detectamos a falta e a necesidade dunha regulación destas figuras, estudamos as necesidades das mesmas e que servizos deberían ter accesibles durante a estadía”, explica Belén Rubio, vicerreitora de Investigación e Transferencia da UVigo, que incide na necesidade de dispoñer dun regulamento, pero mais aínda dun procedemento de como xestionar as visitas, os dereitos e deberes destes visitantes e, sobre todo, a integración, de pleno dereito, durante o seu período da estadía na comunidade da Universidade de Vigo.

En relación cos obxectivos do regulamento aprobado hoxe polo Consello de goberno, Rubio destaca que permitirá dotar aos investigadores visitantes das condicións adecuadas para desenvolver o seu traballo durante unha estadía na UVigo e facela o máis produtiva posible. “Hai que ter en conta que cando regresen ás súas universidades ou centros de orixe, serán embaixadores da nosa institución e queremos que teñan un bo recordo e a teñan en alta consideración”, explica a vicerreitora, que tamén destaca que a nova regulamentación permitirá regular un proceso que tivo lugar na UVigo dende os seus inicios, no que participaron numerosos investigadores doutros centros e universidades, e que sempre funcionou persoa a persoa. “Ademais destes, na situación actual de risco de contaxio pola Covid-19, as normas de prevención de riscos laborais, obrigan á Universidade a ter constancia de todo o persoal que está a traballar nas súas instalacións. Finalmente, no ámbito de calidade e financiamento, a mobilidade e a acollida de investigadores estranxeiros é un indicador moi valorado, si ben na UVigo non foi debidamente contabilizado. En definitiva, sen dúbida era unha necesidade urxente da nosa Universidade”, asegura Rubio. 

Oposicións a través de Campus remoto e outros asuntos

As e os integrantes do Consello de goberno aprobaron na sesión deste mércores unha modificación para que as oposicións poidan facerse a través do Campus remoto, caso de ser necesario. “A idea é facer as oposicións dos concursos de profesorado permanente que están en marcha en modalidade ‘mixta’: os membros dos tribunais que sexan da UVigo, así como os candidatos acudirán ao lugar físico da Universidade no que se celebre a proba, e os membros dos tribunais que sexan de fora, poderán participar na oposición a través de vídeo conferencia por Campus Remoto”, explica o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, que sinala que esta modificación está motivada pola Covid-19 e as limitacións que o virus pode implicar nos desprazamentos dos membros dos tribunais por situacións como a escaseza de horarios para viaxar, problemas para desprazarse no caso das persoas vulnerables, etc. 

Así mesmo, na sesión de hoxe se aprobou ampliar o acordo que contempla que se poderían adiar as prácticas externas só para as titulacións que habilitan para profesión regulada (Educación, Avogacía, Fisioterapia, Enxeñarías,..) ata outubro, ou se era necesario ata decembro, a todas as titulacións, coa finalidade de facilitar a realización das prácticas para todos o alumnado. O Consello tamén deu luz verde á conta de liquidación do orzamento do exercicio 2019 da UVigo para o seu trámite ao Consello Social, así como varias solicitudes de incorporación con cargo ao remanente de libre disposición do exercicio 2019 e ás transferencias de crédito necesarias para cumprir cos obxectivos do convenio de accións estratéxicas de I+D+i asinado coa Xunta para os exercicios 2019-2020. 

Xa na quenda de intervencións os directores das escolas de enxeñaría de Telecomunicación e Industrial manifestaron a súa preocupación e malestar por algunhas  indicacións e pola falta de claridade dalgunhas directrices que afectan á reordenación dos espazos nos centros. Neste sentido Íñigo Cuiñas referiuse aos 5 metros cadrados por persoa que nos laboratorios contempla un documento do Servizo de Prevención de Riscos que nas últimas horas lles foi remitido ás direccións dos centros, logo que entregar estes as súas propostas para a reorganización da docencia o vindeiro curso. O reitor sinalou, en relación con este documento baseado no Código da Edificación e relacionado coa evacuación dos espazos, que “imos darlle uha volta porque levar isto ao extremo sería pechar todas as titulacións experimentais nos ámbitos científico e tecnolóxico e dalgún máis e isto non o imos facer”, dixo Reigosa.