DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o último de informe de conxuntura do Foro Económico de Galicia

A economía galega mingua o seu ritmo de crecemento

O documento foi presentado este venres na Zona Franca de Vigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI 03/11/2023

Este venres a Zona Franca de Vigo acolleu a presentación do Informe de Conxuntura Socioeconómica III/2023 do Foro Económico de Galicia, foro coordinado polo grupo Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo. Nel destácase que, en liña co conxunto de países da UE, no segundo trimestre do ano a economía galega continúa a minorar o seu ritmo de crecemento. Entre abril e xuño de 2023 o PIB galego medrou un 1,5% respecto ao mesmo período do ano anterior, fronte ao 0,4% na UE.

O documento foi presentado polos seus autores, Santiago Lago e Patricio Sánchez (Universidade de Vigo); Francisco J. Armesto e Fernando González Laxe (coordinador da publicación), contando ademais coa presenza de Ana María Mejías, en representación da Zona Franca. Segundo indican desde o Foro Económico de Galicia, o informe apunta que entre as principais economías da zona euro, España “presenta as maiores taxas de crecemento interanual, cun 2,2%, o que contrasta coa contracción experimentada en Alemaña”. O crecemento do PIB real en Galicia, indican desde a entidade xestionada por Gen, caracterízase por unha achega positiva tanto da demanda interna como externa, o que contrasta coa economía española onde a demanda externa detrae unha décima ao crecemento. Dende o punto de vista da oferta, o informe recolle que a economía española medra polo mellor comportamento do sector servizos e da industria manufactureira.

Polo que respecta ao mercado de traballo galego, os expertos do Foro Económico sinalan que “presenta datos agregados positivos atendendo á mellora tanto da participación das persoas no mercado laboral como na ocupación e a mellora da calidade de emprego, a redución da taxa de paro ou o descenso do número de fogares onde todos os seus activos están en situación de desemprego”. Con todo, estes datos, apuntan, teñen que ser matizados tendo en conta tanto que Galicia mantense entre as autonomías con menores taxas de actividade, como por presentar un menor dinamismo na creación de emprego que o conxunto do estado. Segundo os datos recollidos na EPA polo informe, “todo o emprego creado é emprego indefinido, fundamentalmente no sector privado e no sector servizos”. No que ao desemprego se refire, malia o descenso experimentado (14,1% fronte ao 5,4% en España) as taxas de paro reflicten que este afecta en maior medida ás mulleres, persoas menores de 25 anos, estranxeiros e con estudos primarios. Por último, o documento fai mención especial a un novo incremento da poboación activa de 25-34 anos.

Os portos galegos

Neste Informe de Conxuntura Socioeconómica dedícase un apartado especial ao papel dos portos galegos,  salientando os expertos que na actualidade estes están concibidos “como nodos específicos que desenvolven funcións de captación e aglutinamento de mercadorías, servizos e actividades e, ao mesmo tempo, promoven unha maior conectividade modal e territorial”. Así mesmo, desde os portos, recalcan, “estimúlase a inserción nas cadeas globais de subministración, configurando uns novos espazos económicos”. Neste senso, o documento recolle que os portos da fachada atlántica nor-occidental ibérica amosan unha notable asimetría no que atinxe á súa especialización produtiva, sendo moi diferentes as súas taxas de crecemento e capacidade de resiliencia. “Consecuencia diso é a diversidade no que atinxe ás estratexias dos seis portos estudados, rexistrando escasos niveis de colaboración e de integración”, afirman.