DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A raíz da polémica xurdida na Universidad de La Rioja cun grupo de WhatsApp

Educación e Traballo Social concéntrase “pola educación a prol dos valores sociais de igualdade, respecto e tolerancia”

Alumnado e profesorado quixeron visibilizar o seu desacordo co acontecido

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Estudantes
DUVI Ourense 12/09/2023

A Facultade de Educación e Traballo Social convocou este martes unha concentración “pola educación a prol dos valores sociais de igualdade, respecto e tolerancia” e “ante a polémica xurdida na Universidad de La Rioja polos comentarios machistas e sexistas proferidos por alumnado de Maxisterio cara a alumnado de novo ingreso”. Ao acto asistiu alumnado, profesorado e membros da comunidade universitaria, como o decano da facultade Xosé Manuel Cid e o vicerreitor do campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez Rajo. Jairo Rodríguez, representante do alumnado na xunta deste centro, deu lectura a un manifesto no se subliñou que con esta concentración a comunidade educativa desta facultade quixo visibilizar que "non estamos de acordo con estes acontecementos e que isto non se pode permitir”. Amosando o seu apoio ao alumnado de Maxisterio da Universidad de La Rioja que non participou no polémico grupo de WhatsApp, no manifesto indicouse que este acontecemento, sumado a outros como o acontecido no Colexio Maior Elias Ahuja, non son máis que o reflexo dunha sociedade que reproduce as normas cis-heteropatriarcais”.

Neste contexto, no manifesto recalcouse que “a educación ten un papel primordial na deconstrución deste sistema que desencadea unha e outra vez en desigualdades, violencias e exclusións”. Que estes acontecementos foran levados a cabo por futuros docentes, indicaron, pon de manifesto a necesidade de revisar os plans de estudo das titulacións de educación e de introducir obrigatoriamente nelas a perspectiva de xénero. “Se o futuro profesorado non conta con formación axeitada transmitirá, consciente ou inconscientemente, ao seu alumnado contidos sexistas e homófobos. A educación ten que posicionarse a favor da igualdade, xa que doutro xeito estará a contribuír á reprodución da desigualdade en todos os ámbitos: sexismo, LGBTIQ-fobia, clasismo, edadismo, racismo, capacitismo e un longo etc de ismos presentes na sociedade”, sinalouse na concentración.