DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves na escola e mañá venres no Verbum, onde terá lugar a entrega de premios

Enxeñaría de Telecomunicación presume nos LPRO Days de 15 proxectos tecnolóxicos desenvoltos na súas aulas

Cada equipo dispón dun posto para explicar os prototipos e pór en valor o seu potencial emprendedor

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Feiras e exposicións
  • Universidade e empresa
  • Académica
D. Besadío DUVI 04/05/2023

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación presume este xoves e venres da creatividade do alumnado que está a piques de titularse. Faino, como cada ano, coa celebración dos LPRO Days, unha actividade organizada a modo de feira tecnolóxica na que o alumnado que está a piques de titularse exhibe os proxectos tecnolóxicos que levaron a cabo ao longo dos últimos meses ao abeiro da materia Laboratorio de Proxectos. Participan 62 estudantes, 51 homes e 11 mulleres, divididos en 15 equipos e titorizados por 17 docentes. Distribuídos polo corredor central da escola, cada equipo dispón dun posto no que presentar os seus prototipos e, xa de paso, amosar e pór en valor o seu potencial como emprendedores e emprendedoras. A cita, que hoxe se levou a cabo ao longo de toda a mañá nos espazos centrais da escola, trasládase mañá pola tarde ao museo Verbum, onde recibirán a visita de numerosos representantes do sector empresarial e onde terá tamén lugar a entrega de premios aos mellores proxectos. Nesta caso a visita, que arranca ás 16.00 h e prolongarase ata as 18.30 horas, é aberta ao público en xeral.

A modo de escaparate tecnolóxico as persoas que se achegan aos LPRO Days teñen a oportunidade de coñecer de primeira man en que temáticas están a traballar esta nova xeración de profesionais das telecomunicacións e que solucións tecnolóxicas achegan a problemas cotiáns do día a día dos cidadáns. Desde unha caixa de correo postal intelixente a un asistente virtual baseado en xestos; desde unha aplicación móbil para posicionamento e guía de usuarios no interior dun recinto a outra que permite o control e coidado dos animais de compañía mediante un colar sensorizado... Os exemplos son múltiples.

“Todos vivimos esta data con incerteza e expectación”, explica o profesor Manuel Caeiro, coordinador da materia, quen recalca que nesta edición se decidiu reducir sensiblemente o tamaño dos grupos, que pasaron de ser equipos de entre cinco e seis persoas a ser maioritariamente de catro integrantes, de maneira que sexa máis doado de xestionar e organizar traballos “ben enfocados, rigorosos e correctamente rematados”, subliña o docente, destacando así a importancia de que os equipos logren chegar aos LPRO Days cun prototipo “funcional e operativo”.

Detección temperá da sepse

Os proxectos relacionados coa saúde habitúan a ter nesta exposición un oco preferente. Un dos exemplos que participan nesta edición é CoidaTech, un sistema de apoio para a detección temperá da sepse mediante a monitorización continua da temperatura corporal de xeito non invasivo. “Estivemos investigando diferentes temáticas e descubrimos que a sepse causa o 50% das mortes de pacientes en UCI, 17.000 mortes ao ano, 14 veces máis cas mortes orixinadas por accidentes de tráfico. Descubrimos que había unha serie de patróns que eran preditores desta enfermidade”, explica Francisco González, un dos autores do traballo, quen apunta que un destes patróns era, precisamente a temperatura corporal, “e aí xurdiu a idea de monitorizar de maneira continua cun brazalete a temperatura dos pacientes”.

Sistema de alerta para distraccións ao volante

Apenas un par de postos máis adiante os impulsores de AutoGuard explican con entusiasmo o seu proxecto, unha aplicación Android que alerta das distraccións e somnolencias detectadas ao volante, para o que emprega unha malla facial que extrae e procesa parámetros que clasifican as distraccións e activan notificacións sonoras. “O usuario simplemente ten que colocar o seu teléfono móbil nun soporte no coche e con isto é suficiente para que o sistema realice a malla facial e comece a analizar as posibles distraccións”, explica un dos impulsores, quen aclara que o sistema detecta cando bocexas e a frecuencia deses bocexos, a velocidade do pestanexo, etc. “Establecemos varios niveis de alerta, con gravidade leve, media e alta, e cun son coherente para cada nivel”, salienta o alumno. “Con esta app queremos axudar a evitar accidentes”, recalca outro dos autores do proxecto, quen apunta que esta aplicación “vai na liña do que se está promover dende a Unión Europea, de feito os coches novos xa están equipos con este tipo de sistemas, pero coa nosa app esténdese esta solución a todos os vehículos, independentemente da súa antigüidade”.

Papeleira intelixente

A sensibilización co  medio tamén se deixa sentir en moitos dos proxectos que participan na feira. Entre outros traballos preséntase InteLixo, un dispositivo de reciclaxe ou clasificación automática dos residuos -orgánico, vidro, plástico ou papel- na que se combina o recoñecemento de imaxe, control electrónico e mecánica, ademais dunha app para monitorizar a carga de cada papeleira. “É unha papeleira intelixente, ti simplemente introduces algo na caixa e o propio sistema, a través da Intelixencia Artificial, xa se encarga de xestionar a reciclaxe segundo o tipo de material”, explica Sofía González, unha das alumnas que participa neste proxecto.

Control remoto dun observatorio astronómico

E as solucións tecnolóxicas achegadas polo alumnado chegan nesta edición ‘ata o ceo’. Fano con Altairs, unha solución de acceso remoto a un telescopio robotizado para monitorizar, controlar e actuar en tempo real. Inclúe accións para abrir/pechar cúpula, ver o seu estado e coñecer a súa posición grazas a un xiroscopio. “Basicamente consiste na robotización dun observatorio astronómico”, explicar Javier Martínez, quen subliña que a idea permite que “o astrónomo ou astrónoma poida controlar desde a súa propia casa todo o que é o telescopio e o observatorio sen necesidade de desprazamentos a lugares que, habitualmente, non só de fácil acceso”, recalca o alumno, ao que engade que a solución está pensada, sobre todo, para observatorios de pequeno tamaño.