DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As actividades tiveron lugar na Facultade de Filoloxía e Tradución

Obradoiros, exposicións, coloquios e un 'scape room' para celebrar o Día do Libro

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Cultura
DUVI 23/04/2024

Con obradoiros, exposicións, charlas e mesmo unha scape room, a Facultade de Filoloxía e Tradución uniuse hoxe martes á celebración do Día Internacional do Libro. Ao longo da mañá, o centro acolleu multitude de actividades co obxectivo de fomentar a lectura e poñer en valor o papel na literatura na cultura universal.

Dende primeira hora tivo lugar un obradoiro de encadernación cartoneira para encadernar os relatos, poemas e ilustracións resultantes do Cuarto Certamen Socialista Libertario (FFT, 2024) no marco da materia Literatura Hispanoamericana II (GCL) e do tema Literatura politizada: literatura del mundo obreiro. Ao tempo que se desenvolvía o taller tamén tivo lugar unha charla sobre o libro cartoneiro, un movemento que naceu a comezos deste século na Arxentina como resposta ao mundo editorial tradicional. Trátase dunha aposta innovadora que, por unha banda, se asenta no uso de material reciclado e, por outra, trata de espallar a cultura e a literatura máis aló dos circuítos comercias. Estas actividades que tiveron lugar na sala ASE, ao carón da biblioteca, estiveron organizadas por Rocío Hernández Arias, docente do Departamento de Literatura Española e membro de Astromántica Cartoneira.

Posteriormente, tivo lugar unha visita guiadas á exposición que dende a semana pasada está instalada no corredor central do pavillón central da facultade e que se centra en visibilizar os dicionarios como libros de referencia e fedatarios da evolución das linguas e as sociedades que as falan. Esta é unha proposta das profesoras Susana Rodríguez Barcia, do Departamento de Lingua Española; Maruxa Cabeza, do Departamento de Tradución e Lingüística; María Méndez, do Departamento de Lingua Española e do profesor Alberto Lugrís, do Departamento de Tradución e
Lingüística. 

Na segunda parte da mañá organizouse una scape room sobre o libro como produto cultural e a literatura de maneira xeral, unha iniciativa impulsada por Valentina Marta, do Departamento de Tradución e Lingüística, e Ana Varela, do Departamento de Lingua Española. A xornada rematou cunha charla coloquio coa cantante Wöyza no salón de actos, organizada pola profesora María Méndez. 

Paralelamente, ao longo de toda a xornada tamén se instalou no salón de actos unha mesa para a liberación de libros, na que se poderán deixar e coller exemplares a vontade.