DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 3rd Iberian Congress Advances on SPH celébrase este martes e mércores

Especialistas de 18 entidades abordan no campus os avances en simulación computacional de fluídos

Conta coa participación de 40 persoas de España, Portugal, Italia e Dinamarca

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Investigación
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 23/01/2024

A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolle este martes e mércores a celebración do 3rd Iberian Congress Advances on SPH. A cita, organizada polos investigadores de EphysLab (Environmental Physics Laboratory, CIM-UVigo) Alejandro Jacobo Cabrera e Iván Martínez, reúne a especialistas de 18 entidades para abordar os avances en simulación computacional de fluídos.  

Concretamente, o congreso conta coa participación de 40 especialistas procedentes de España, Portugal, Italia e Dinamarca, xa que aínda que o evento naceu cun ámbito xeográfico centrado na península ibérica, nesta terceira edición tamén está aberto a outras institucións europeas. Trátase de investigadoras e investigadores do eido principalmente académico pero tamén do empresarial e da administración, estando presente neste último caso o Centro de Estudios y Experimentación de Obras Públicas (CEDEX), do goberno español.

Segundo explican desde a organización do congreso, SPH é un modelo lagranxiano de partículas que permite a simulación computacional de diferentes fenómenos físicos, como a hidrodinámica das ondas costeiras ou de mar adentro que impactan en estruturas; a formación e evolución de galaxias e planetas; a interacción fluído-estrutura; o fluxo en procesos caracterizados por múltiples fases e mesturas, e grandes deformacións e fendas de sólidos e estruturas. “SPH é o modelo de partículas ideal para este tipo de aplicacións en hidráulica, en enxeñaría costeira e para aparellos flotantes lonxe da costa”, sinalan os responsables do congreso. Neste senso destacan as súas vantaxes á hora de simular problemas da dinámica conductacional de fluídos, permitindo traballar mellor por exemplo á hora de abordar a simulación dunha deformación moi grande da superficie libre da auga ou cando hai contornas de xeometrías moi complexas ou que se moven moi rápido, como poden ser as turbinas nun central hidráulica ou en aparellos de enerxía undimotriz flotantes que están lonxe da costa.

DualSPHysics

Este método ten progresado de xeito destacado nas últimas dúas décadas e “continuamente aparecen novas contribucións”, tal e como sinalan os responsables do evento. Deste xeito, apuntan, os esquemas SPH modernos permiten unha maior precisión, por exemplo na simulación de fluxos violentos en superficie libre, a inclusión de novos procesos físicos con relativa facilidade e unha redución significativa do tempo computacional empregado. “Neste congreso reunimos os centros de investigación que traballan desenvolvendo e aplicando o modelo SPH, así todos aprendemos, uns de outros, e o modelo continúa avanzando”, subliña Alejandro Jacobo Cabrera. Neste senso, lembra que en EphysLab desenvolven desde 2008 o modelo de software libre DualSPHysics, feito en colaboración coas universidades de Manchester, Gante e Politécnica de Catalunya, e “polo que somos coñecidos a nivel internacional polos seus desenvolvementos e aplicacións en enxeñaría costeira e enxeñaría renovable”.