DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Destinadas a alumnado e profesorado de Bacharelato

A Facultade de Ciencias acolle este venres as I Xornadas Filosofía+Ciencia

O seu obxectivo é fomentar a curiosidade intelectual e o pensamento crítico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Ourense 11/12/2023

A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolle este venres, día 15 de decembro, a celebración das I Xornadas Filosofía+Ciencia (Ficou 2023), destinadas a alumnado e profesorado de Bacharelato de centros educativos galegos. Nelas exploraranse de xeito divulgativo cuestións fundamentais de filosofía da ciencia “que son relevantes para comprender o noso mundo en constante cambio, desde os problemas abertos da física teórica ata as intrigas da metamatemática e a filosofía da ciencia, pasando polo ‘hacking’ ético e a reflexión moral sobre as fontes de enerxía do futuro que nos proporciona a física máis avanzada”.

O equipo organizador da I Xornadas Filosofía+Ciencia está formado polo profesor Xosé Manuel Domínguez de la Fuente (IES Salvaterra de Miño) e alumnado do STEMbach do IES Blanco Amor de Ourense, contado co apoio da Facultade de Ciencias da UVigo. Ademais colaboran na iniciativa o Concello e a Deputación de Ourense. O obxectivo da actividade, indican desde a súa organización, é “espertar a curiosidade intelectual e fomentar o pensamento crítico en estudantes e profesores dos centros educativos de Galicia, explorando desde os fundamentos da ciencia ata os desafíos éticos da tecnoloxía. Búscase destacar a interconexión entre filosofía e ciencia, promovendo o amor polo coñecemento e fortalecendo o tecido intelectual da comunidade educativa”.

Cinco conferencias

As xornadas, que terán lugar no salón de actos Marie Curie do edificio Politécnico de 16.00 a 21.00 h, contarán coa intervención de cinco relatores. Benedicto Acosta, doutorando FPU en filosofía da ciencia na Universidad de Salamanca, ofrecerá una viaxe introdutoria á filosofía da ciencia, explorando cuestións fundamentais e autores e debates destacados. Antonio Ferreiro, investigador do Departamento de Historia e Filosofía da Ciencia da Universidade de Utrecht (Países Baixos), falará dos desafíos filosóficos na física fundamental, explorando os problemas abertos na física actual, desde a busca de teorías unificadas ata a comprensión de fenómenos cuánticos. Seguiralle Daniel Medina, doutorando no Centro de Investigacións Enerxéticas, Medioambientais e Tecnolóxicas (Ciemat), que presentará a fusión nuclear como unha posible fonte de enerxía do futuro, explorando as súas vantaxes e desafíos tecnolóxicos e éticos. Pola súa banda, Carlos Ferreiro, doutor en matemáticas pola Heinrich Heine Universität de Düsseldorf (Alemaña), abordará a filosofía das matemáticas, desde o realismo matemático ata a súa aplicabilidade no mundo físico. Por último, Cristina Lourido, enxeñeira informática experta en ‘hacking’ ético abordará este tema, destacando o seu papel en mellorar a seguridade cibernética e os desafíos éticos asociados.

Ao final das xornadas, indican os seus responsables, agárdase que as persoas participantes teñan adquirido unha apreciación máis profunda de como ciencia e filosofía “colaboran para dar forma á comprensión da realidade”. Así, apuntan, ao longo da actividade destacarase a “interconexión esencial” entre estas dúas disciplinas, que, aínda que a miúdo percíbense como separadas, en realidade están intrinsecamente entrelazadas. “Explorarase como a filosofía inflúe na forma en que se aborda a ciencia e como a ciencia, á súa vez, inflúe na comprensión filosófica do mundo”, afirman.
Os centros educativos interesados en asistir poden contactar por correo electrónico coa organización da actividade en ficou@uvigo.es e ficourense@gmail.com.