DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Achega protocolos de actuación que permitirían “maiores e mellores resultados”

O fiscal Luis María Uriarte analiza na súa tese o comiso como ferramenta para loitar contra o crime organizado

Defende que o Ministerio Fiscal teña competencias para o embargo sen previa autorización xudicial

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 18/07/2022

Cunha ampla traxectoria profesional como fiscal de carreira dende 1988, Luis María Uriarte presentou este curso a súa tese de doutoramento na Universidade de Vigo, dirixida pola catedrática Esther Pillado no marco de programa Xestión e resolución de conflitos. Menores, familia e xustiza terapéutica. Como obxecto de estudo decidiu centrarse na figura do comiso, que consiste na “privación definitiva por resolución xudicial dos efectos procedentes dun delito e dos bens, medios ou instrumentos con que se preparase ou executase, así como das ganancias provenientes dunha actividade delitiva ou, no seu caso, do seu equivalente, calquera que sexan as transformacións que puidesen experimentar”. 

O fiscal considera que o comiso “é unha das ferramentas de política criminal máis destacadas para a loita contra as formas máis graves de delincuencia, sobre todo, na loita contra a criminalidade organizada”. Non obstante, e pesar das “importantes reformas que se levaron a cabo no noso ordenamento xurídico no ano 2015, non se estaba obtendo todo o rendemento que a institución permite”. Ante esta situación, e tendo en conta que o Ministerio Fiscal é “o principal protagonista para facer efectivo o comiso”, Uriarte decidiu abordar o estudo da institución “tratando de aclarar dúbidas e sentar protocolos de actuación que permitisen obter maiores e mellores resultados coa súa aplicación”.

Como relata Uriarte, a fase de instrución do procedemento penal, tal e como se desenvolve na actualidade, deixará en breve paso a unha futura investigación a cargo do Ministerio Fiscal. Neste novo escenario, recalca o investigador, “se se quere dotar de axilidade e eficacia á institución do comiso, resulta a todas luces necesario atribuír ao Ministerio Fiscal competencias en materia de aseguramento e embargo preventivo de bens susceptibles de comiso”. Así, para o correcto funcionamento da engrenaxe do sistema, explica o fiscal, é preciso que o Ministerio Fiscal adopte unha posición activa durante todo o procedemento, impulsando determinadas dilixencias de investigación durante a fase de instrución e recollendo no seu escrito de acusación, tanto os feitos que fundamentan as diversas modalidades de comiso, como a súa petición concreta.

Fiscal de carreira dende 1988, Luis María Uriarte traballou na Fiscalía Provincial de Pontevedra dende 1999 a 2017; na Secretaría Técnica da Fiscalía General del Estado desde 2017 ata 2020; na Fiscalía da Comunidad Autónoma de Madrid entre marzo e outubro de 2020 e na Fiscalía Especial Antidroga dende esa data ata a actualidade. Interveu na elaboración de sete libros e ten publicado preto de 50 traballos en diversas publicacións científicas de natureza xurídica. Con esta tese, o seu obxectivo é “poñer o foco sobre a natureza civil do comiso e as repercusións que isto ten na valoración da proba”. Ademais, o seu estudo achega determinados protocolos de actuación aos que axustar a actuación do Ministerio Fiscal que poden facilitar a aplicación do comiso, así como un compendio sistematizado da doutrina e da xurisprudencia actualmente existente en materia de comiso, “que pode resultar moi útil para os profesionais do dereito”.

Amplas facultades sen necesidade dunha previa autorización xudicial 

A tese de Luis María Uriarte achega 28 conclusións fundamentais, que resume o propio autor remarcando que o comiso é unha das ferramentas máis importantes a disposición da xustiza para loitar contra o crime organizado, xa que “se a delincuencia organizada se move por un finalístico ánimo de lucro, a privación da ganancia ao delincuente pode desalentar a súa actividade delitiva”. Apunta que o comiso é “esencialmente unha medida de natureza civil e non unha pena ou castigo, que consiste en reparar a inxustiza que supón que determinados cidadáns accedan á riqueza, non co seu esforzo, senón mediante o acto de enriquecemento inxusto no que consiste o delito e que, desta forma, compitan no tráfico mercantil cos cidadáns honrados aproveitándose dunha vantaxe ilícita”. Se se quere obter a maior efectividade na aplicación do comiso, recalca, “resulta indispensable que se atribúan ao Ministerio Fiscal as máis amplas facultades para o embargo e aseguramento dos bens susceptibles de comiso, sen necesidade de acudir previamente á autorización xudicial para a adopción de calquera medida que persiga asegurar os bens e evitar que o delincuente poida ocultalos para evitar o seu comiso”.

Os motivos dos cambios no sistema de instrución

Uriarte explica que un dos principais motivos para impulsar estas modificacións do sistema de instrución penal en España é a necesidade de equiparalo aos sistemas procesuais penais dos países da contorna, pero incide en que “isto non ten por que traducirse necesariamente en concretas vantaxes”. De feito, recalca que “se a atribución da instrución penal ao Ministerio Fiscal se levase a efecto cunha lei acertada, podería traducirse nunha maior axilidade na instrución das causas penais, pero este efecto vai depender da capacidade de investigación que se atribúa ao Ministerio Fiscal”. Deste modo, engade, “se como ocorre co último anteproxecto de lei publicado nesta materia, se establece que numerosos actos de investigación do Ministerio Fiscal teñen que ser referendados ou autorizados por un xuíz, producirase, precisamente, o efecto contrario: que a instrución penal ou investigación se entorpeza e dilate moito máis”.

No actual sistema de comiso español, para o seu correcto funcionamento, é preciso que “o Ministerio Fiscal adopte unha posición activa durante todo o procedemento, impulsando determinadas dilixencias de investigación durante a fase de instrución e recollendo no seu escrito de acusación, tanto os feitos que fundamentan as diversas modalidades de comiso, como a súa petición concreta. A proba no acto de xuízo oral do fundamento fáctico que dará lugar ao comiso deberá ser articulada e sostida, de ordinario, polo Ministerio Fiscal, única parte do procedemento á que incumbe a defensa do interese público ao que responde, en definitiva, a institución do comiso. Finalmente, ese interese xeral que persigue o comiso como forma de loita contra a criminalidade organizada será o que deberá fundamentar o recurso contra a sentencia que non acolla as pretensións do comiso, ostentando novamente o Ministerio Fiscal o protagonismo neste trámite de impugnación”.