DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será do 30 de novembro ao 5 de decembro na Escola Superior de Enxeñaría Informática

Futurgal reunirá máis de 50 especialistas para impulsar o emprendemento a partir de casos de éxito e coñecemento disruptivo

Estarán Enrique Dans, Elsa Punset, Bernardo Quintero, Fernando Trías e Ágata Ruiz de la Prada

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Emprender
  • TIC
  • Transferencia
DUVI Ourense 21/11/2023

O campus de Ourense acollerá do 30 de novembro ao 5 decembro a celebración de Futurgal Summit 2023, unha cita na que participarán máis de 50 especialistas co obxectivo de “converterse no motor dun movemento catalizador da innovación e o emprendemento”. A través de experiencias de éxito e o coñecemento disruptivo, neste evento profundarase en “ideas audaces e transformadoras para resolver os novos desafíos da sociedade e construír un futuro sostible e inclusivo”.

A actividade, que ten como lema Empredemento como panca de futuro, está organizada pola Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (Cpeig). Enmárcase na estratexia Spain Up Nation e está financiada pola Unión Europea-Next Generation EU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, ademais de apoiada polo Ministerio de Industria, Comercio y Turismo e a Escuela de Organización Industrial (EOI). Futurgal, sinalan os seus promotores, reunirá a especialistas “que son referentes en transformación dixital, xestión de equipos, mercadotecnia, innovación e emprendemento, que exporán a súa visión sobre os cambios que nos agardan nun futuro próximo”. No seu desenvolvemento “abordaranse grandes cuestiones para o emprendemento como: o negocio, o investimento e a escalabilidade; a importancia da retención e a atracción do talento e como lle afecta o marco regulatorio e o sector público. Alén de no campus de Ourense, tamén contará con actividade en Expourense e no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense.

Conferencias, mesas redondas, encontros e presentacións

Ao longo dos días de celebración, participarán en Futurgal, entre outros especialistas, o experto en innovación Enrique Dans; a escritora e divulgadora Elsa Punset; Bernardo Quintero, fundador de VirusTotal (clave na elección de Málaga para o centro de ciberseguridade de Google); a deseñadora Ágata Ruiz de la Prada; Juan Verde, asesor do presidente de EEUU Joe Biden; o ex-ministro Francisco Caamaño; Pepa Bueno, directora da Asociación de Creadores de Moda de España; o influencer Pobre Millenial; os economista María Blanco e José Carlos Díez; a directora de desenvolvemento de negocio de medios de pago de Abanca, Constanza Méndez, ou o presidente del Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal. Haberá conferencias pero tamén mesas redondas centradas en temas como o turismo, a globalización e as novas tendencias e o empredemento no mundo da moda e en América Latina. Igualmente desenvolveranse diferentes encontros sobre instrumentos públicos como impulso para o desenvolvemento empresarial; o financiamento e aceleración en procesos emprendedores e experiencias persoais en investimento neste eido. Tamén haberá espazo para a presentación de proxectos por parte de emprendedores e emprendedoras a investidores e business angels.

Futurgal, sinalan desde a súa organización, está aberto á asistencia e participación de “persoas apaixonas pola innovación e o emprendemento, comprometidas coa igualdade de oportunidades, a innovación inclusiva e a colaboración para impulsar as economías locais”. O evento, que é gratuíto, conta con asistencia tanto presencial como virtual, tendo as persoas interesadas que inscribirse a través da súa web. Complementariamente, a iniciativa ten convocado un Concurso de Emprendemento, Ideas e Innovación, dirixido a alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional de centros educativos en Galicia, no que se convida a presentar proxectos e ideas innovadoras relacionadas co emprendemento sostible.