A competición arrancou esta fin de semana
Gran comezo de tempada para os equipos absolutos da UVigo nos campionatos galegos de tenis
Os equipos de tenis da Universidade de Vigo comezaron esta fin de semana a súa participación nos campionato galegos por equipos absolutos, e fixérono, segundo Jorge Comesaña, o seu adestrador, dun xeito “inmellorable”. A institución académica conta nestas competicións con tres equipos, o feminino, que loita na categoría de prata, o masculino A, que xoga tamén en prata e o masculino B que xoga en 1ª división. Os tres pecharon esta primeira xornada asinando vitorias.
O equipo feminino venceu ao Tenis Boiromar tras uns partidos moi disputados e duros, por un resultado final de 4-2. “As rapazas impuxéronse nos individuais por 3-1, logrando gañar nos dobres á parella nº 1”, explica Comesaña. “Adriana”, engade, “gañou con facilidade, Ana de dous, perdeu bastante axustadamente, mentres que Laura gañaba o seu partido no super-tiebreak e Sara conseguía a súa vitoria por un 75-75”. Xa nos dobres, a parella Laura-Ana “perdían no súper, mentres Adriana-Sara gañaban”. Foron todos, recalca o adestrador, partidos “moi axustados pero con moi bo resultado”.
Ao equipo masculino A tocoulle enfrontarse ao Tenis Rial, “duro competidor que grazas a dous abandonos nos individuais nos deu un dos partidos de dobres”. Comesaña recalca que “aínda que gañamos todos os partidos, estes foron moi duros”. Así, “Richi e Yago gañaban por retirada, aínda que ambos estaban xogando grandes puntos e calquera podería gañar o encontro. Nacho, Jaime e Manuel L, lograban, non sen pasar esforzos, os seus partidos individuais”. Xa nos dobres, o equipo rival “non tiña opción e acadamos unha moi boa vitoria por 7-0”.
Finalmente, o equipo masculino B, “xogando todos uns partidos impresionantes”, tamén lograba gañar todos os partidos. Noel e Pablo R. impuxéronse “con bastante facilidade” nos seus respectivos encontros, mentres que Santi e Pablo G. lograban a vitoria “non sen ter que sufrir un pouco máis”. Nos dobres, as parellas compostas por Santi e Pablo G. e Noel e Pablo R. gañaban os dous puntos que faltaban, pechando así un marcador favorable de 6-0.
Para Comesaña, este foi un “gran comezo de tempada” e agarda “poder seguir así nos próximos encontros”.