DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha trintena de estudantes participan en CC Económicas e Empresariais no taller 'Cos pés na terra'

Historias ‘inspiradoras’ en novos obradoiros de busca activa de emprego

Entre os exemplos, Luxsit, 1ª empresa en traer a Galicia os espectáculos de luces con drons

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 17/10/2023

Que demanda o mercado laboral actual? Que se valora nun proceso de selección? Estas son só dúas das preguntas as que se tratou de responder este martes no Obradoiro Cos pés na terra?, unha actividade que reuniu no salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais a unha trintena de estudantes de mestrado que buscaron neste taller formación práctica e ideas “inspiradoras” para enfrontar con éxito o seu inminente futuro laboral.

Organizado polo grupo de Innovación Docente Pra&Emp, dirixido pola profesora Rocío Rodríguez Daponte, coa colaboración da Área de Formación e Innovación Educativa, a Escola Aberta de Formación Permanente e a Fundación Ronsel, desde onde levan máis de 20 anos traballando en mellorar a empregabilidade das persoas, o taller achegoulle aos participantes a oportunidade de coñecer de primeira man que tipo de perfís buscan na actualidade as empresas e cales son os aspectos que máis se valoran nun candidato ou candidata. A benvida institucional correu a cargo da directora da Área de Emprego e Emprendemento, Maruxa Álvarez, quen ademais de explicarlle as diferentes actividades que se organizan para eles desde este departamento, fíxolles fincapé na necesidade de “ser activos” e facer todo o posible para que a súa busca de emprego “non solo sexa efectiva senón tamén eficaz. Canto máis vos coñezades, máis posibilidades teredes de acertar na diana”.

Como ‘historias inspiradoras’ o obradoiro contou coa participación de persoas moi xoves que ata hai pouco eran estudantes e agora están “na outra beira”. Entre outras, falouse de Luxsit, unha iniciativa creada por egresados da UVigo e que constitúe a primeira empresa que trouxo a Galicia os espectáculos de luces con enxame de drons, de maneira sostible e con deseño de vangarda; e tamén de Ponte a ritmo, unha plataforma en liña de clases de música para nenos.