DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dun proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades

Investigadoras da UVigo estudan a influencia das tecnoloxías dixitais nos hábitos de saúde dos adolescentes galegos 

Tamén conta cunha achega da Cátedra de Feminismos 4.0

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Igualdade
  • Investigación
  • Saúde
  • TIC
  • Investigación
DUVI Pontevedra 04/04/2024

Desde unha aplicación que permite coñecer as calorías queimadas, á busca de información en internet sobre alimentación, actividade física, benestar psicolóxico ou sexualidade, pasando por recomendacións en materia de saúde nas redes sociais. A presenza das tecnoloxías dixitais en todos os ámbitos da vida fai que estas poidan influír de múltiples xeitos na saúde da poboación adolescente, tanto motivándoos para adoptar estilos de vida saudables, como contribuíndo a comportamentos de carácter problemático. Coñecer o uso que as e os adolescentes galegos fan das tecnoloxías dixitais para a promoción da saúde é o propósito central do estudo que desenvolven as investigadoras da UVigo Ana Rey e Inés Táboas, no marco dun proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e coordinado pola Universidad Complutense de Madrid. Con ese obxectivo, un proxecto da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo permitiu a adaptación dun cuestionario, co que as investigadoras buscan reunir agora as visións de 800 estudantes de secundaria de diferentes partes de Galicia.

“Diferentes estudos, no ámbito internacional, teñen constatado beneficios no uso da tecnoloxía dixital, pero tamén aspectos negativos, e este estudo busca coñecer que está a acontecer cos nosos mozos e mozas, cal é o poder que ten a tecnoloxía para modificar as nosas condutas”, sinala Rey Cao. “Non falamos tanto da tecnoloxía nunha dimensión medicalizada, senón do seu uso para a promoción da saúde”, engade a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que incide en que se trata do primeiro estudo que analiza estas cuestións con poboación adolescente en Galicia. O traballo insírese á súa vez no proxecto de investigación ¿Tecnologías digitales para estilos de vida saludables? Un estudio colaborativo para desarrollar pedagogías críticas sobre salud digital con y para jóvenes (SaludDigitalEdu), que coordina a investigadora da Complutense María José Camacho.

Da proba piloto á realización de 800 cuestionarios 

Coordinado por Rey e coa participación de Táboas, Camacho e da tamén investigadora da Complutense Irene Solves, o proxecto financiado pola Cátedra de Feminismos 4.0 tivo co obxectivo adaptar e traducir ao galego o cuestionario SaludDigitalEdu, así como pór a proba a súa efectividade a través dunha proba piloto na que participaron preto dun cento de estudantes. “Parecíanos fundamental que os mozos e mozas tivesen a oportunidade de participar nunha investigación formulada en galego”, sinala Rey Cao, que explica que a cátedra permitiu tamén realizar un modelo de cuestionario con lectura óptica. Isto permitirá xerar unha ampla base de datos, que abrangue un conxunto de variables relacionadas coa saúde e a imaxe corporal, a influencia destas tecnoloxías, as fontes de información das e dos adolescentes neste eido ou o seu grao de alfabetización en materia de saúde. 

Agora, as investigadoras traballan nestes meses na realización de 800 cuestionarios anónimos, buscando que estean representados “centros moi diversos”, como apunta Rey Cao. Con esa idea, a mostra abrangue tanto estudantado de institutos públicos e de centros privados, concertados e non concertados; como alumnos e alumnas de municipios “densamente poboados, intermedios e escasamente poboados”. Por outra banda, ademais de nas diferencias sociodemográficas, esta investigación afondará tamén “en se facemos ou non un uso diferenciado da tecnoloxía en función da nosa identidade de xénero”. 

Rematada a fase de análise dos cuestionarios que se están a realizar nestes meses, os diferentes centros participantes recibirán un informe sobre o uso que fai o seu alumnado destas tecnoloxías dixitais. Isto, explica Rey, vén motivado “pola implicación que estamos a ter de profesorado, dirección e estudantes, que agradecemos moito”, pero tamén porque un dos obxectivos do proxecto é “deseñar pedagoxías críticas e eses datos poderán darlles pistas sobre como actuar desde un punto de vista educativo”. 

De feito, o proxecto no que participan oito universidades españolas e estranxeiras, abrangue tamén a realización doutros 1200 cuestionarios en Madrid, xunto con outra serie de propostas dirixidas a promover “unha mellor intervención no eido da saúde e da tecnoloxía” nos centros de ensino, como iniciativas de “investigación-acción” nas que participará alumnado de secundaria.