DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A competición desenvolverase no pavillón de deportes universitario

O IX Torneo Internacional de Xadrez Campus de Ourense celebrarase do 26 de xuño ao 2 de xullo

O prazo de inscrición está aberto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Visitas
  • Deportes
DUVI Ourense 19/06/2023

O IX Torneo Internacional de Xadrez Campus de Ourense celebrarase este ano do 26 de xuño ao 2 de xullo. A cita está organiza el club Xadrez Ourensán Universitario coa colaboración da Universidade de Vigo e o patrocinio, ademais da propia institución académica, do Concello e a Deputación de Ourense. O prazo para inscribirse remata o vindeiro 25 de xuño ás 12.00 h, sendo o límite de prazas dispoñibles de 120.

Na presentación este luns do certame, Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo, puxo en valor as características do xadrez como “un deporte de carácter mental que ten unha serie de virtudes que deberían ter todos os deportes pero que neste están dun xeito máis manifesto, como son a paciencia, o respecto, a tolerancia, tres valores que debemos de ter moi presentes na comunidade universitaria”. Pola súa banda, Rodrigo Alberte, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus, subliñou que supón “un fito acadar as nove edicións e que volvamos ao formato de sete días, un formato de torneo grande”, amosando a súa confianza en que esta edición, ao igual que as anteriores, “sexa moi disputada”.

Jaime Viso, director do torneo, agradeceu aos patrocinadores o seu apoio, de xeito especial á UVigo, e apuntou que o certame xa está consolidado, tal e como se pode comprobar polo número de participantes, entre eles grandes mestres e mestres internacionais. Entre os seus aspectos positivos destacou que a cita permite que “os xogadores locais proben as súas forzas con profesionais, o que vai repercutir en que melloren o seu rendemento e resultados”. Cando aínda está aberto o prazo de inscrición, ata o momento son 70 as persoas inscritas procedentes de cinco países (Letonia, Portugal, Cuba, Bulgaria e España). Desde a organización destacan que participarán grandes mestres como Ilmars Starostits; Vladimir Petkov e Ibragim S. Khamrakulov; mestres internacionais como André Ventura Sousa; Roberto Carlos Gómez Ledo e Lennis Martínez Ramírez e a mestra internacional feminina cubana Jennys Dailin Soler Guerra.

Nove rondas

O IX Torneo Internacional de Xadrez, que se desenvolverá no pavillón de deportes do campus de Ourense, é un certame aberto que se disputará polo sistema suízo a nove rondas. O ritmo de xogo será 90 minutos por xogador ou xogadora para toda a partida aos que se engadirán 30 segundos de incremento por cada xogada realizada desde o primeiro movemento ata a caída de bandeira. Na cita poderán participar todos os xogadores e xogadoras con licencia Fide España que teñan licencia Feda en vigor e os xogadores de outros países con licencia Fide en vigor. O certame será válido para Elo Fide e Elo Feda.

A programación do certame arrancará o luns día 26 de xuño, ás 16.30 h, coa súa presentación, e continuará ao longo da semana con actividade diaria ata a súa clausura o domingo 2 de xullo, ás 15.00 h, aproximadamente. En total entregaranse 5000 euros en premios. Na categoría xeral haberá doce galardóns, estando os tres primeiros dotados con trofeo e 1000, 750 e 600 euros respectivamente. Tamén haberá premios de 150 euros na categoría sub 2000 (2000-1801 Elo Fide); na categoría sub 1800 (Elo Fide); ao mellor veterano e ao mellor local.