DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coeditado polos profesores Teresa Caneda e José Carregal Romero, foi presentado no edificio Redeiras

Un libro recolle cinco anos de investigación sobre 'silencios que falan' na ficción irlandesa contemporánea

É froito dun traballo innovador no campo dos estudos irlandeses orixinado na UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI 16/01/2024

Silencios arredor dos abusos no seo da igrexa católica; silencios ante a discriminación por razón de sexo ou de raza; silencios sobre os problemas de saúde mental. Son moitos os silencios que, agochados na literatura irlandesa contemporánea, falan do que non se fala. E son eses silencios nos que se centra o libro Narratives of the Unspoken in Contemporary Irish Fiction: Silences that Speak, presentado este luns no marco do seminario Articulations of Individual and Communal Vulnerabilities in contemporary Fiction que se desenvolveu no edificio Redeiras. 

Coeditado pola profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución Teresa Caneda e por José Carregal Romero, doutor pola Universidade de Vigo e na actualidade profesor da Universidade de Huelva, o volume acaba de ser publicado en acceso aberto pola editorial Palgrave Macmillan na súa serie New Directions in Irish and Irish American Literature.

No acto de presentación, a profesora Caneda, investigadora principal dos proxectos Intruths e Intruths 2, destacaba que “a investigación que aborda esta publicación iniciouse nun momento no que estabamos a explorar as diferentes configuracións do silencio na imaxinación literaria da Irlanda contemporánea e iso levounos despois ata a investigación actual, un estudo da articulación da vulnerabilidade que precisamente é o que en moitos casos se agocha tras o silencio”. O volume inclúe, ademais dunha introdución teórica e catro capítulos a cargo de ambos editores, cinco capítulos máis  dos que son autoras e autores os membros do equipos de investigación, Marisol Morales Ladrón (Universidad de Alcalá), Asier Altuna García de Salazar (Universidad de Deusto), Elke D’hoker (University of Leuven), Seán Crosson (National University of Ireland, Galway), Eibhear Walshe (University College Cork) así como un capítulo a cargo do profesor Thomas O’Grady, da Universidade de Massachusetts-Boston.

O silencio, nas súas múltiples facetas

Caneda e Carregal expresaron o seu agradecemento polo traballo das expertas e expertos que colaboraron con achegas “profundamente orixinais” sobre a obra de autoras e autores representativos do panorama da ficción irlandesa contemporánea como Donal Ryan, Emma Donoghue, Evelyn Conlon, Colm Tóibín, Kevin Barry, Claire Keegan, Edna O’Brien, William Trevor, Maeve Kelly, Emer Martin e Sally Rooney. Entre outros temas, explicou Carregal, Narratives of the Unspoken in Contemporary Irish Fiction “aborda a recuperación de voces e relatos silenciados do pasado e a súa revisión no presente; as conspiracións do silencio nun país de forte tradición católica que durante anos ignorou e mesmo agochou os abusos no seo das institucións; os silencios arredor da opresión estrutural  por motivos de xénero, clase e raza no período de bonanza económica do chamado Celtic Tiger; o malestar social e o silenciamento da vulnerabilidade na Irlanda neoliberal da post-crise e mesmo o tratamento da fraxilidade emocional e a saúde mental da xeración milenial”.

Segundo ambos editores, os diferentes capítulos deste volume analizan as dimensión do silencio nas súas múltiples facetas, “dende unha perspectiva interseccional e multidisciplinar, centrándose na converxencia entre a poética e a política do silencio e asemade dialogando cos estudos sobre trauma e memoria, así como invocando a historia e a socioloxía, o xénero e identidade e desde unha ampla gama de perspectivas como a teoría social, a investigación arquivística e biográfica, o feminismo, os estudos queer, a mobilidade e os estudos de tradución”. 

Froito de cinco anos de traballo

O volume dá conta do traballo desenvolvido nos últimos cinco anos polo equipo de investigación liderado por Teresa Caneda arredor do silencio como unha forma especial de linguaxe: “paradoxalmente, a comunicación prodúcese en relación a aquilo do que no se fala e mediante elipses, baleiros, ambigüidades, ironías e ambivalencias que, en moitos casos, expresan as contradicións socio-culturais da Irlanda contemporánea”. Cando se impón aos demais, afirman Caneda e Carregal, “o silencio adoita levar á opresión e á violencia, e pode converterse nunha práctica social que nega os dereitos básicos dos desfavorecidos. Porén, noutros moitos casos, o silencio permite a curación, a autoprotección, a resistencia, o respecto aos demais ou mesmo a comuñón coa natureza”.

Caneda tamén aproveitou a súa intervención para amosar a súa satisfacción por ter liderado desde a Universidade de Vigo o proxecto Inconvenient Truths: Cultural Practices of Silence in Contemporary Irish Fiction “cun equipo internacional destas características” e con resultados como o desta publicación en acceso aberto a través da plataforma Springer Link. “Sentímonos profundamente honrados polo feito de que o noso traballo conte co respaldo da profesora da Universidade de Oxford Kate McLoughlin, experta no estudo do silencio na literatura, e o profesor de estudos irlandeses de Trinity College Paul Delaney, que escribiron dúas eloxiosas referencias coas que se abre o volume” explicou. Tamén agradeceu a presenza telemática no acto de presentación da profesora Paige Reynolds (College of the Holy Cross, Massachusetts) autora do prólogo do libro. Reynolds felicitou os editores e autoras e autores por esta “contribución crucial para o campo dos estudos irlandeses” e eloxiou o volume polo seu pronunciamento da necesidade dunha ética tanto de escoitar como de falar. “Este libro”, asegurou a académica norteamericana, “pídenos que consideremos o importante papel do silencio nunha época chea de alertas, polémicos debates mediáticos e anuncios emerxentes, entre outras  moitas maneiras ruidosas de chamar á nosa atención”. Para Reynolds, mediante unha análise detallada da ficción irlandesa contemporánea, Narratives of the Unspoken “amósanos como atender a aquilo do que non se fala e preséntanos un modelo importante para analizar as complexidades da comunicación nun momento histórico no que cada vez máis voces están a falar e a ser escoitadas”.