DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por un artigo publicado na revista norteamericana 'The Coleopterists Bulletin'

A profesora Josefina Garrido, no primeiro grupo español premiado pola maior sociedade de estudo do escaravello

Premia a “calidade, orixinalidade e metodoloxía da investigación”, así como o uso de linguaxe e ilus

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 24/02/2012
É o tipo de insecto con máis especies do mundo, xa que constitúe case o 25% de todas as formas de vida coñecidas. Os coleópteros, máis coñecidos como os escaravellos, son unha constante na vida profesional de Josefina Garrido, profesora de Zooloxía da Universidade de Vigo, ademais dunha fonte de éxitos. O último, acadar o premio ao mellor artigo científico publicado en 2010 na revista norteamericana The Coleopterists Bulletin, editada pola maior sociedade internacional dedicada ao estudo deste insecto. É a primeira vez que un grupo de científicos españois recibe este galardón, que lles foi entregado na cidade estadounidense de Reno, en Nevada, coincidindo co encontro anual da The Coleopterists Society.

Para este artigo sobre a diversidade dos escaravellos de auga doce no Parque Natural dos Picos de Europa, Garrido colaborou co profesor da Universidade de León Luis Felipe Valladares e co investigador de Santiago de Compostela Andrés Balsega. Esta non foi a primeira toma de contacto da profesora viguesa con estes insectos, xa que leva mergullada na sistemática e na bioloxía dos coleópteros dende que fixo a súa tese de doutoramento. Hai uns anos decidiu profundar un pouco máis e, coa axuda de Valladares, fixo un inventario de todos os insectos acuáticos que existían na zona. Un rexistro “exhaustivo” moi valorado pola sociedade internacional que serviu para revisar e actualizar o que se fixera, con referencias bibliográficas que se remontan a 1882. Foi este traballo de campo o que lle permitiu catalogar sete novas especies, pode que as últimas, xa que a análise estatístico indica “que non aparecerán moitas máis”.

Especies case únicas no mundo

O xurado decidiu premiar o artigo asinado por Garrido pola “calidade, orixinalidade e metodoloxía de investigación, así como a interpretación dos datos para apoiar as conclusións e o uso da linguaxe e das ilustracións”. O traballo desvela que das 117 especies de coleópteros acuáticos que se poden atopar nos Picos de Europa, o 25% son de carácter endémico, é dicir, que a súa distribución está moi limitada e non se atopa de forma natural en ningunha outra parte do mundo. Unha diversidade “moi alta” en comparación con parques nacionais de dimensións similares como Doñana ou Serra Nevada e cun elevado índice de endemismo que converte a este espazo no protector natural destes escaravellos na Cordilleira Cantábrica “a pesar de ameazas como a non depuración das canles dos ríos ou o exceso de carga gandeira”.

Outra das principais conclusións que desvela o estudo sobre este grupo de organismos é que, “aínda que poidan pasar inadvertidos polo seu pequeno tamaño, a súa presenza é un bo indicador do nivel de conservación do espazo que habitan”. Pero hai que ter coidado. “A fraxilidade das especies na zona é baixa. Sen embargo, o impacto do cambio climático, que en especies de alta montaña é previsible, podería ser unha causa de extinción local nun prazo medio de tempo”, estima a profesora. Durante o traballo de campo e, a pesar das estritas normas de protección do parque natural, os investigadores localizaron dúas especies cunha maior vulnerabilidade e outras dúas exclusivas da zona, como o Ochthebius Cantíbricus, que mide apenas dous milímetros e é moi difícil de atopar.

Dúas novas especies

Dos seus percorridos polos Picos de Europa esta profesora de Zooloxía volveu a casa con moitas experiencias e dúas novas especies. Son dous novos tipos de escaravellos ata o de agora descoñecidos para o mundo da ciencia e identificados tras os exhaustivos estudos taxonómicos realizados na zona. Poñerlles nome foi cousa dela: a primeira especie xa se chama Octhebius figueroi, facendo unha chiscadela ao apelido da súa parella, e a segunda Hydraena altamirensis, en honra ao sitio no que se atopou, o Santuario de Altamira.