Por un artigo publicado na revista norteamericana 'The Coleopterists Bulletin'
A profesora Josefina Garrido, no primeiro grupo español premiado pola maior sociedade de estudo do escaravello
Premia a “calidade, orixinalidade e metodoloxía da investigación”, así como o uso de linguaxe e ilus
Para este artigo sobre a diversidade dos escaravellos de auga doce no Parque Natural dos Picos de Europa, Garrido colaborou co profesor da Universidade de León Luis Felipe Valladares e co investigador de Santiago de Compostela Andrés Balsega. Esta non foi a primeira toma de contacto da profesora viguesa con estes insectos, xa que leva mergullada na sistemática e na bioloxía dos coleópteros dende que fixo a súa tese de doutoramento. Hai uns anos decidiu profundar un pouco máis e, coa axuda de Valladares, fixo un inventario de todos os insectos acuáticos que existían na zona. Un rexistro “exhaustivo” moi valorado pola sociedade internacional que serviu para revisar e actualizar o que se fixera, con referencias bibliográficas que se remontan a 1882. Foi este traballo de campo o que lle permitiu catalogar sete novas especies, pode que as últimas, xa que a análise estatístico indica “que non aparecerán moitas máis”.
Especies case únicas no mundo
O xurado decidiu premiar o artigo asinado por Garrido pola “calidade, orixinalidade e metodoloxía de investigación, así como a interpretación dos datos para apoiar as conclusións e o uso da linguaxe e das ilustracións”. O traballo desvela que das 117 especies de coleópteros acuáticos que se poden atopar nos Picos de Europa, o 25% son de carácter endémico, é dicir, que a súa distribución está moi limitada e non se atopa de forma natural en ningunha outra parte do mundo. Unha diversidade “moi alta” en comparación con parques nacionais de dimensións similares como Doñana ou Serra Nevada e cun elevado índice de endemismo que converte a este espazo no protector natural destes escaravellos na Cordilleira Cantábrica “a pesar de ameazas como a non depuración das canles dos ríos ou o exceso de carga gandeira”.Outra das principais conclusións que desvela o estudo sobre este grupo de organismos é que, “aínda que poidan pasar inadvertidos polo seu pequeno tamaño, a súa presenza é un bo indicador do nivel de conservación do espazo que habitan”. Pero hai que ter coidado. “A fraxilidade das especies na zona é baixa. Sen embargo, o impacto do cambio climático, que en especies de alta montaña é previsible, podería ser unha causa de extinción local nun prazo medio de tempo”, estima a profesora. Durante o traballo de campo e, a pesar das estritas normas de protección do parque natural, os investigadores localizaron dúas especies cunha maior vulnerabilidade e outras dúas exclusivas da zona, como o Ochthebius Cantíbricus, que mide apenas dous milímetros e é moi difícil de atopar.