DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O consorcio está formado por dez organizacións de España, Estonia e Bélxica

O proxecto EC4RURAL, coordinado pola UVigo, impulsará a creación de 34 comunidades enerxéticas no rural europeo

Cun orzamento de 1,6 m€, esta semana celebran a xuntanza inicial en Vigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 20/09/2023

Cun orzamento de 1,6 millóns de euros e dez socios de tres países liderados pola Universidade de Vigo, o proxecto europeo EC4RURAL botou a andar este mes de setembro co obxectivo impulsar a transición cara as enerxías limpas nas zonas rurais europeas a través de comunidades enerxéticas. As entidades que forman parte deste consorcio están esta semana reunidas no edificio Redeiras na xuntanza de lanzamento deste proxecto, que ten un horizonte de traballo de 48 meses e está co-financiado polo Programa Life. 

A Universidade de Vigo lidera o consorcio multidisciplinar do que forman parte a Universidade de Tartu (Estonia), a Federación Galega de Municipios e Provincias, a Asociación de Cidades e Municipios de Estonia, a Axencia Rexional da Enerxía de Tartu, a cooperativa Sapiens Energía, a Unión LEADER de Estonia, Espazocoop Unión de Cooperativas Galegas, a Fundación Juana de Vega e a Asociación Europea de Grupos LEADER para o  Desenvolvemento Rural, de Bélxica. 

Na apertura da xuntanza de lanzamento deste martes participaron Maribel Doval, vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade; Carlos Martínez Carrillo, vicepresidente da Fegamp e Xavier Simón, investigador principal do proxecto, perteneciente ao Departamento de Economía Aplicada, membro do Cispac (Centro Interuniversitario de Investigación das Paisaxes Culturais Atlánticas) e responsable do Observatorio Eólico de Galicia. Simón explica que a finalidade de EC4RURAL é impulsar a creación de comunidades enerxéticas en municipios rurais, que se atopan nunha situación desfavorecida en Europa a pesar da súa riqueza de recursos. E é que a despoboación, xunto co acceso limitado a servizos básicos e ao emprego, tradúcense a miúdo na pobreza enerxética das persoas que habitan nestas zonas, situación agravada polos elevados prezos da enerxía. Así, o reto deste consorcio é axudar a transformar as relacións entre as autoridades locais e rexionais e as comunidades rurais para contribuír así á transición cara unha enerxía limpa en Europa e garantindo que estas zonas rurais formen parte e se beneficien dos procesos de transición liderados por comunidades que producen electricidade mediante paneis fotovoltaicos.

22 comunidades enerxéticas en Galicia

Como explican dende o equipo do proxecto, este cambio de paradigma arrancará a través de dous pilotos en Estonia e España, que permitirán a creación e posta en funcionamento de 34 comunidades enerxéticas en outros tanto municipios rurais, 12 en Estonia e 22 en Galicia (Avión, Becerreá, Entrimo, Mazaricos, Moeche, Monterroso, Muíños, Muras, Ordes, Ourol, Outes, Palas de Rei, A Pobra do Brollón, O Rosal, Salvaterra de Miño, Silleda, Sober, Tomiño, Tordoia, O Valadouro, Vedra e Vilasantar). Isto implica actuar sobre preto de 2700 hectáreas e 94.000 habitantes. “Estes pilotos porán a semente para a súa futura replicabilidade, non só nas rexións participantes, senón tamén a nivel europeo, grazas á difusión dos resultados a través da rede de socios e colaboradores externos”. 

Implicar á cidadanía na transición enerxética e na democratizar os beneficios

Os socios deste proxecto marcáronse unha serie de obxectivos específicos para os catro anos de traballo que teñen por diante. De xeito xeral, comezarase por mellorar a colaboración e o diálogo entre concellos, grupos de acción local, cidadanía e todas as partes interesadas na transición enerxética. Paralelamente tratarase de mellorar a concienciación social e o coñecemento social sobre as enerxías renovables e os seus beneficios, incluíndo as comunidades enerxéticas como ferramenta. Realizarse unha diagnose da situación actual dos municipios implicados no proxecto para cocrear plans e obxectivos enerxéticos máis ambiciosos, en liña coas novas políticas europeas e buscarase fomentar a participación cidadá e o liderado de iniciativas, co fin de reducir as súas facturas de electricidade e aumentar a calidade de vida no rural. As comunidades enerxéticas crearanse en zonas rurais que sofren perdas demográficas significativas e que teñan máis de 10.000 habitantes. 

Ao longo dos 48 meses de traballo, o equipo tamén se centrará en mellorar a formación no eido do desenvolvemento enerxético comunitario, tanto dende o punto de vista xurídico como técnico e financeiro dos axentes locais para que poidan apoiar estas iniciativas. Promoveranse decisións de inversión flexibles e viables a través de modelos de negocio en enerxías renovables para a produción enerxética en zonas rurais e proporcionaranse recomendacións no eido político e no legal e regulamentario. Con todo isto, tratase de contribuír ao Segundo Piar da Política Agrícola Común e á Axenda Territorial Europea. Finalmente, buscarase a escalabilidade do proxecto e a súa replicabilidade noutras rexións.