DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolvido por alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social

O proxecto músiCA(c)TIVA achega sesións musicais a escolas infantís do rural ourensán

Trátase dunha iniciativa de aprendizaxe-servizo á comunidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Música
  • Visitas
  • Estudantes
DUVI Ourense 09/01/2024

Alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense desenvolveu recentemente o proxecto músiCA(c)TIVA: sesións musicais en escolas infantís do rural ourensán. A iniciativa foi unha das elixidas na convocatoria de proxectos de aprendizaxe-servizo do curso 2023-2024 da Universidade de Vigo, que busca incentivar que o estudantado aprenda facendo un servizo á comunidade.

“Unha educación de calidade debera previr dificultades, resarcir desigualdades e potenciar singularidades, para o que resulta moi útil relacionarse coa música, que é unha ferramenta cun gran potencial educativo”, comenta Lucía Casal, profesora da Área de Didáctica da Expresión Musical da UVigo responsable de músiCA(c)TIVA. Así, engade sobre o interese de desenvolver este proxecto, “malia que a estimulación musical temperá achega numerosos beneficios ao desenvolvemento integral das crianzas (entre eles, os ligados á saúde e ao benestar), a oferta de sesións musicais para bebés en Ourense é, especialmente no rural, tan pobre como inaccesible para boa parte das familias”.

Da teoría á práctica

Neste contexto, o proxecto músiCA(c)TIVA, detalla a súa responsable, comezou coa explicación da fundamentación do deseño de sesións musicais para bebés ao alumnado da materia Expresión Musical e a súa Didáctica, de terceiro curso do Grao en Educación Infantil, e coa presentación de boas prácticas. A materia, apunta, forma parte do proxecto de innovación docente da Facultade de Educación e Traballo Social sobre aprendizaxe cooperativa. A partir deste punto, o alumnado desta materia deseñou, dividido en equipos, sesións de música para bebés; ensaiounas na facultade, co fin de establecer propostas de mellora, e finalmente desenvolveu estas sesións nas escolas infantís elixidas. Concretamente, participaron na iniciativa tres escolas infantís Galiña Azul: as de Coles, Pereiro de Aguiar e Toén, agradecendo de xeito especial desde o proxecto a colaboración das directoras destes centros, Noemí Bezcua, Karla Fidalgo e Lucía Romero, que, sinalan, “foron absolutamente fundamentais” para a realización desta iniciativa.

Por último, o estudantado elaborou a documentación pedagóxica de todo o proceso, que se materializou en vídeos-resumo das sesións e no deseño das propias sesións a modo de material pedagóxico para as escolas, con vídeos e imaxes que acompañan as explicacións de cada actividade. A experiencia, comenta Lucía Casal, foi valorada moi positivamente polo alumnado participante, destacando a oportunidade que lle deu de estar en contacto con crianzas de cero a tres anos, un contacto que, explica a docente, “é fundamental para entender a aplicación das propostas didácticas”. O proxecto supón, tal e como recalca por último a súa responsable, “un alicerce máis na experiencia profesional” dos futuros mestres e mestras de Educación Infantil que se forman no campus de Ourense.