DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizada polo historiador do campus de Ourense Julio Prada

Unha publicación analiza o fascismo en Galicia desde as súas orixes

Presta especial atención ás cuestións máis controvertidas deste movemento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Democracia
  • Investigación
  • Publicacións
DUVI Ourense 07/11/2023

Julio Prada, profesor de Historia Contemporánea e decano da Facultade de Historia do campus de Ourense, conta cunha nova publicación. Trátase do libro El fascismo en Galicia. De los orígenes al Decreto de Unificación, editado polo Centro de Estudios Políticos y Constitucionales, do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes y Memoria Democrática. Nel preténdese dar resposta a tres preguntas esenciais na historiografía especializada no estudo do fascismo hispánico: quen foron os falanxistas, por que se converteron en falanxistas e que fixeron como tales falanxistas.

Para responder a estas cuestións, manexou “unha gran cantidade de fontes procedentes de arquivos públicos e privados e tamén numerosas entrevistas orais, parte das cales se remontan á segunda metade dos anos 80 do pasado século XX”. Grazas a elas compón unha obra na que se analiza a traxectoria dos diferentes núcleos fascistas en Galicia, desde os primeiros conatos vinculados á “La Conquista del Estado” ata a creación de Falange Española Tradicionalista (FET) e das Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista (JONS), abordando os aspectos organizativos do movemento e prestando especial atención ás cuestións máis controvertidas que veñen sendo obxecto de debate dende hai tempo na historiografía española. Entre elas están, detalla Julio Prada, “as relacionadas cos elementos que interveñen na decisión persoal de entrar no partido, a composición sociolóxica dos seus membros, as tensións entre discurso e praxe, os elementos referenciais da comunidade falanxista, o papel da violencia política ou a implicación dos seus afiliados na conspiración militar”.

Falanxismo, igrexa e exército

Segundo comenta o historiador da UVigo, na publicación tamén se presta especial atención ao proceso que conduce á creación dun partido de masas no contexto da Guerra Civil e no cal van a confluír as diferentes tradicións contrarrevolucionarias e reaccionarias hispanas que viñan de moi atrás. Neste contexto, sinala, “a investigación permite documentar como a demagoxia populista e radical dos primeiros tempos foi administrada con grande habilidade polos militares golpistas para non xerar «divisións internas» e, ao mesmo tempo, beneficiarse do potencial mobilizador da Falanxe”. Isto explica en palabras do historiador “como a anunciada «revolución nacionalsindicalista» acabou por desembocar nunha sempiterna «revolución pendente», moi útil á hora de conxugar unha retórica incendiaria e subversiva cunha praxe reaccionaria e antirrevolucionaria da que aínda participaban con máis entusiasmo outros actores non menos decisivos e desde sempre vinculados ao statu quo, caso do exército ou a igrexa”.

As “escasas simpatías cara ao nacionalsindicalismo de ambas entidades (exército e igrexa) e a súa enorme capacidade de influencia”, indica Julio Prada, “restaron capacidade de manobra aos falanxistas, pero aínda así o «Novo Estado» asumiu algúns elementos característicos do fascismo (e non só os puramente formais) pero que non eran tan fascistas como pretendían os falanxistas tradicionalistas”. Segundo detalla o historiador, pactar co establishment para asegurar a vitoria e máis tarde participar na súa administración nos distintos niveis do poder, aceptando con maior ou menor desgusto unha forzada unificación cos carlistas, era todo o máis ao que podía aspirar un movemento “cuxa carencia de empuxe para a conquista en solitario do estado leváralle a embarcarse nunha operación que acabou adquirindo un inequívoco signo antirrevolucionario, conservador e reaccionario”, resume. Unha das grandes achegas do libro, apunta o seu autor, “é que demostra que a alianza entre eses sectores non xorde da dexeneración do golpe en Guerra Civil, senón que é o resultado dun proceso dinámico, iniciado con anterioridade”. Segundo sinala Julio Prada, parece “que o noso particular fascismo (ou, se se prefire, o modo en que tratou de implementarse o fascismo nalgúns puntos de Galicia) quixese adaptar determinados aspectos da súa praxe para non resultar en exceso incómodo aos ollos dos grupos dirixentes tradicionais”.