DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun protocolo especial que inclúe a máscara obrigatoria durante a realización do exercicio físico

Reabren as salas cardio-fitness e multiusos dos tres campus

O acceso ás instalacións deberá ser sempre mediante cita previa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
M. Del Río DUVI 07/09/2020

Tras varios meses pechadas, as instalacións deportivas dos tres campus volven abrir as súas portas hoxe luns. En concreto, as salas cardio-fitness e as salas multiusos dos pavillóns polideportivos de Ourense e Vigo e a sala cadio-fitness do pavillón do campus de Pontevedra xa comezaron a recibir os seus primeiros usuarios e usuarias.

A volta á normalidade atenderá en todo momento ás condicións establecidas no Protocolo xeral para o uso das instalacións deportivas da Universidade de Vigo ante a covid-19 e, ademais, adiántase ás medidas que vai adoptar a Xunta de Galicia en próximos días esixindo o uso obrigatorio da máscara en todo momento. Deste xeito, as persoas usuarias deberán levala posta tanto nas zonas comúns como durante a realización do exercicio. 

Estes espazos para a práctica deportiva foron reorganizados para ampliar a distancia entre usuarios e reducir o aforo, eliminando nalgúns casos elementos e, noutros, prohibindo o uso de certas máquinas. Ademais, as salas contan con xel hidroalcólico tanto para as mans como para limpar os aparellos, así como marcas no chan que indican o sentido da marcha e as distancias de seguridade. Por outra banda, o uso destas instalacións será sempre con cita previa dentro do horario de 08.30 h a 22.30 h de luns a venres. Os sábados e domingos, as salas permanecerán pechadas. De igual xeito, durante estes primeiros días de apertura, non se poderán empregar os vestiarios, aínda que dende a Área de Benestar, Saúde e Deportes traballan para poder poñer estes espazos a disposición da comunidade universitaria antes do arranque oficial do curso, o vindeiro día 21.

Normas de acceso e comportamento

Ademais do uso obrigatorio da máscara, as normas de acceso e comportamento nas salas cardio-fitness e salas multiusos contemplan a necesidade de manter sempre a distancia interpersoal mínima de 1,5 metros e usar unha toalla grande para evitar o contacto directo coa superficie. Recoméndase evitar tocar superficies e elementos que non sexan imprescindibles, manter unha hixiene constante de mans e evitar os saúdos con contacto físico.

As persoas usuarias deberán hixienizarse as mans antes de entrar e terán que limpar todo o material e máquinas antes e despois do seu uso. En calquera caso, dende a Área de Benestar, Saúde e Deporte lembran que é obrigatorio seguir as indicacións que faga o persoal da instalación durante o seu uso e que “protexéndose un, protexes aos demais”.

Aforo máximo

O uso das instalacións deberá ter en conta a capacidade máxima permitida dada a situación sanitaria. Isto supón que se deben respectar 5 m2 por persoa usuaria nas salas con aparatos e 3 m2 nas salas sen aparatos, aínda que estes límites legais poderán ser maiores en función das vías de evacuación e de ventilación. Por outra banda, tamén se deberá ter en conta que nas salas cardio-fitness só pode haber unha persoa por estación de traballo e nas salas multiusos debe reservarse unha zona de 4 m2 por persoa usuaria para actividades dirixidas. Para tratar de paliar os efectos desta redución da capacidade das salas, establecese un tempo máximo de 90 minutos de uso, favorecendo así a rotación das persoas usuarias.