DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase do último número do ‘Boletín de la Biblioteca de Menéndez Pelayo’

Recoñecidos especialistas en Cervantes traen a Vigo a presentación dun novo monográfico sobre o autor

Será o vindeiro luns ás 19.00 horas no edificio Redeiras nun acto aberto ao público en xeral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
D. Besadío DUVI 23/02/2024

Miguel de Cervantes: más allá de la obra maestra é o significativo epígrafe do último número do Boletín de la Biblioteca Menéndez Pelayo, unha obra que se presentará o vindeiro luns en Vigo nun acto que contará coa participación de recoñecidos especialistas neste autor, entre eles, o catedrático da Universidade de Vigo José Montero Reguera, decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, e a catedrática da Universidade da Sorbonne, María Zerari, os dous coordinadores deste volume. Será no edificio Redeiras o vindeiro luns ás 19.00 horas, nun acto aberto ao público no que Montero e Zerari estarán acompañados por Fernando Romo, profesor de Teoría da Literatura da Universidade de Vigo; Raquel Gutiérrez, profesora da Universidad de Cantabria e directora do Boletín de la Biblioteca Menéndez Pelayo, e Borja Rodríguez Gutiérrez, presidente da Real Sociedad Menéndez Pelayo.

Nos cen anos de vida do Boletín de la Biblioteca de Menéndez Pelayo apareceron nas súas páxinas 80 traballos sobre Cervantes e as súas obras a cargo de ilustres cervantistas e este é o cuarto monográfico que a revista dedica ao insigne escritor, tras un volume de 1947 e os números monográficos coordinados por Germán Vega (2005) e por Germán Vega e o propio José Montero Reguera (2016). “Levo coordinados varios monográficos cervantinos (para o Instituto Cervantes, para Anales Cervantinos, para a Asociación de Cervantistas, para a Universidade de Alcalá de Henares, entre outros), pero os dous que preparei para o Boletín de la Biblioteca de Menendez Pelayo constitúen fitos importantes na miña xa non pequena traxectoria académica”, explica Montero, quen subliña que se trata dunha publicación centenaria (“cumpre os seus primeiros cen neste ano de 2024”) e, ademais, é a segunda máis antiga de entre as dedicadas os estudos literarios en España.

Traballos de calado chegados de todo o mundo

Nesta ocasión preséntanse traballos de calado escritos por investigadores e investigadoras de todo o mundo, “recoñecidos especialistas en Cervantes, hispanistas de prestixio que abordan temas de moito interese”, explica Montero, quen recalca que o título do monográfico reflicte o binomio co que habitualmente se coñece ao escritor: novelista (“creador do Quijote e, se seica, das Novelas ejemplares: o resto só queda para moi especialistas”); autor de teatro, “quizais polos entremeses (que entraron no canon desde moi pronto), pero non tanto polas súas comedias (algunha aínda sen ser representada no últimos tres séculos)” e “que dicir da poesía”. 

No fondo, segundo Montero Reguera, entran en contraste dúas maneiras de achegarse ao escritor e a súa obra: a que permite achegarnos a un autor de hai catro séculos grazas a unha obra que sobreviviu a tempo e espazos moi distintos, pero que canaliza ao seu creador por un único camiño; e aquela que quere recuperar a ese escritor no seu tempo e contexto: moi claro se nos achegamos ao Cervantes en vésperas do Quijote (La Galatea [poesía lírica], a Numancia [poesía dramática] e romancero [poesía narrativa: os “romances infinitos” mencionados en Viaje del Parnaso]). E aínda máis, lembra Montero, se nos achegamos ao Cervantes do final: Famoso Bernardo (poesía épica), segunda parte da Galatea (poesía lírica), Semanas del Jardín (volta á novela curta). “Hai vida mais aló do Quijote e aquí recuperamos unha perspectiva histórica que é fundamental para comprender aos nosos escritores clásicos”, subliña o coordinador do Boletín.

 “Que a sociedade coñeza o moito traballo que facemos na FFT”

Nesta ocasión, o monográfico está dedicado a Jean Canavaggio, recoñecido cervantista francés que faleceu pouco despois de entregar o seu traballo para este monográfico e antes de saír impreso. “Unha necrolóxica de Germán Vega máis a presentación redactada por nós (María Zerari máis eu) salienta a figura desde investigador”, apunta Montero Reguera, quen anima a todas as persoas interesadas a que asistan á presentación. “É importante que a sociedade coñeza o moito traballo que facemos na Facultade de Filoloxía e Tradución e, para isto, Redeiras é un magnífico altofalante”, explica o decano, quen recalca que  as persoas que non poidan asistir presencialmente poden facelo a través do Campus Remoto, simplemente deben enviar un correo solicitándoo a jmontero@uvigo.gal