DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación das tres universidades galegas

A Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas apuntala o liderado de Galicia nesta materia

Facilitará o desenvolvemento dun ecosistema de coñecemento e industrial ao redor destas tecnoloxías

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Reitor
  • TIC
  • Institucional
DUVI 06/09/2023

Galicia conta desde este mércores cun novo aliado no sector tecnolóxico: a Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas, unha iniciativa coa que se apuntala a posición de liderado da comunidade galega nesta materia e na que se suma a colaboración entre a administración autonómica, as tres universidades do Sistema Universitario de Galicia, os centros tecnolóxicos e de investigación e o sector empresarial. A presentación tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura da man da directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e coa participación de numerosos representantes das entidades que integran a rede, entre eles o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa.

A directora de Gain agradeceu a todos os integrantes da nova rede a súa rápida adhesión e subliñou a importancia de crear este espazo de traballo conxunto para que Galicia sexa referente en tecnoloxías cuánticas no horizonte do ano 2030. Ademais, apuntou o impacto destas tecnoloxías, que permitirán acelerar o desenvolvemento económico en practicamente todos os sectores e polas que se está a realizar unha importante aposta a nivel internacional, europeo, estatal e galego.

Entre os obxectivos desta nova entidade atópanse impulsar a colaboración entre os axentes en tecnoloxías cuánticas, permitindo un mellor aproveitamento das capacidades e xerando sinerxías; fomentar a participación conxunta en proxectos de I+D; coordinar as infraestruturas e recursos; coordinar accións de comunicación e difusión; colaborar no posible desenvolvemento de estudos de demanda, prospectiva e observación tecnolóxica; promover os cambios regulatorios que se requiran; deseñar ferramentas e instrumentos específicos para o desenvolvemento destas tecnoloxías; fomentar o seu uso nos sectores económicos estratéxicos de Galicia e a xeración de empresas especializadas; promover o posicionamento da Rede fóra de Galicia; atraer industria e capital humano cara a nosa comunidade; e coordinar co sector educativo e outros axentes formación especializada. 

Quantum Communication Center na UVigo

A posta en marcha desta rede coincide co arranque na Universidade de Vigo do Quantum Communication Center, unha iniciativa pendente de presentación pública na que participan empresas e universidades dunha ducia de países. A maiores Galicia será tamén a primeira comunidade autonóma en contar cun computador cuántico de gran capacidade no Cesga, do que se beneficiará todo o tecido empresarial galego, centros tecnolóxicos e de investigación e universidades e que permitirá incrementar a competitividade da economía galega a medio prazo. Ademais, cóntase tamén co International Quantum Center de Fujitsu en Galicia, coa participación galega no Plan Complementario de Comunicación Cuántica e coa primeira edición este curso do Máster Interuniversitario en Ciencia e Tecnoloxías de Información Cuántica.