DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Derrotou por 0-6 ao Círculo Ferrolano

Un «resultado histórico» converte á Escola Xadrez Pontevedra-UVigo no novo líder da División de Honra

Con 20 puntos, pasa da quinta posición á primeira

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 27/03/2023

O primeiro equipo da Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo convertíase esta fin de semana no novo líder da División de Honra do xadrez galego, tras acadar, como sinalan desde o club, un «resultado histórico» na súa visita ao Círculo Ferrolán, ao que derrotou por 0-6. «Se xa é un marcador non moi frecuente, que se produza entre dous dos equipos máis fortes da máxima categoría do xadrez galego fai que sexa un fito histórico», salientan desde o club universitario, cuxo primeiro equipo o Xadrez: Estratexia pola Paz pasa a situarse primeiro posto da clasificación, con 20 puntos, un máis que o ata agora líder, o Benchosey de Pereiro de Aguiar, e o Xadrez Ourense.

Na súa visita ao equipo ferrolán, que se amosou, como recoñecen, «moi irregular» neste inicio de tempada, o Xadrez: Estratexia pola Paz comezou a fraguar o seu triunfo nos taboleiros do capitán Pablo García e de Daniel Rivera, que sumaron as dúas primeiras vitorias. A continuación chegou o triunfo de Rubén Fernández «nunha partida moi traballada» e, pasadas xa as tres horas, a vitoria de David García, que suma cinco triunfos nas cinco xornadas de liga disputadas. Finalmente, tamén Alberto Portela lograba sumar nun final técnico, completándose este 0-6 co triunfo de Víctor Miguel no taboleiro «máis tolo» deste enfrontamento.

Tras pasar do quinto ao primeiro posto de clasificación, o Xadrez: Estratexia pola Paz medirase á Escola Luguesa de Xadrez, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, o 15 de abril.

A quinta xornada da Liga Galega deixou un balance de catro vitorias, un empate e dúas derrotas para os representantes do club universitario nas diferentes categorías. Ademais do primeiro equipo, tamén gañou o EXP-Non á violencia de xénero, de Segunda División, que consegue saír dos postos de descenso; así como o EXP-Concello de Pontevedra e o EXP-Universidade Vigo, en terceira.