DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Financiado con 400.000 euros pola UE e coordinado desde a UVigo

Socios de seis países lanzan en Vigo un proxecto europeo dirixido a multiplicar as iniciativas locais de promoción dos ODS

As diferentes actividades (cursos, laboratorios…) buscarán a participación activa da sociedade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Cooperación
  • HRS4R
  • Académica
D. Besadío DUVI 10/01/2024

Socios de seis países -España, Italia, Chipre, Macedonia, Turquía e Francia- participan esta semana en Vigo na reunión de lanzamento do proxecto europeo Up2You, un traballo dirixido a fomentar a cooperación entre as universidades, a administración pública, as empresas e a sociedade na promoción do desenvolvemento sostible e inclusivo das diferentes comunidades locais. Financiado pola Unión Europea con 400.000 euros e coordinado desde a Universidade de Vigo, a idea é pór en marcha múltiples actividades, desde cursos con formatos innovadores ata laboratorios de innovación, que apoien a colaboración a longo prazo nos sectores de educación superior e de organización da sociedade civil para a promoción dos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible, ODS.

“No grupo de investigación Organización do Coñecemento levamos anos traballando na idea de desenvolver sinerxías entre os ámbitos académico e social”, explica o profesor e investigador da Universidade de Vigo Tony Crespo, coordinador xeral do proxecto, que foi o encargado de darlle a benvida aos asistentes, xunto coa directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación, Eva Garea. A xuntanza prolongarase ao longo deste mércores e xoves no edificio Redeiras.

Actividades abertas ao conxunto da sociedade

Tal e como explicou Crespo a proposta xurdiu dos resultados de varios proxectos de investigación previos “e da posibilidade  que nos daba esta convocatoria Erasmus+ da UE de colaborar con institucións educativas de outros países”. Os socios centraranse agora, segundo explicou, no desenvolvemento e intercambio de información sobre os resultados da implantación de prácticas de aprendizaxe inclusivas e sustentables desenvoltas de xeito colaborativo entre todas as partes interesadas e que sexan de aplicación a todas as comunidades locais.

Non se trata só de pór en marcha novos cursos. “Hai outras accións que resultarán do proxecto como son, por exemplo, os Living Labs, que funcionan como laboratorios onde os usuarios participan constantemente con modelos de innovación e nos que se integran procesos de investigación en comunidades e contextos reais”, explica o docente vigués.

A intención é que nas diferentes actividades que se poñan en marcha non participe unicamente o alumnado universitario, senón que se abran ao conxunto da sociedade, “xa que esta será a mellor maneira de conseguir os obxectivos propostos”. De todas maneiras, remarcan tamén a importancia da adquisición por parte do alumnado universitario de competencias de sustentabilidade, o coñecemento dos 17 ODS como ferramentas de traballo e o compromiso arredor dos mesmos, xa que isto “contribuirá a estimular o seu interese pola comprensión das problemáticas do desenvolvemento sostible e facilitará que poidan converterse en axentes de cambio, de xeito que sexan eles os que lideren os traballos de cara a consecución final dos ODS”.

Oito socios de moi distintos perfís

No consorcio participan oito socios de países con diferentes culturas e que desenvolven as súas actividades en diversos ámbitos. Son entidades moi heteroxéneas en canto ao tipo de traballan que realizan, pero cuxo nexo común é “a súa importante experiencia e elevada cualificación”, explica Crespo.

Como exemplos dalgunha das entidades participantes poden mencionarse a Fondazione Comunitaria di Agrigento e Trapani, que é unha fundación italiana que busca a promoción de programas de infraestrutura social para contribuír ao desenvolvemento solidario das persoas e organizacións do terceiro sector no seu territorio; da Association Européenne pour la Democratie Locale, asociación francesa dedicada ao fomento da boa gobernanza e a participación cidadá que xa levou a cabo un gran número de proxectos con métodos participativos e cooperación descentralizada, ou da Sega (Koalicija na Mladinski Organizacii Sega Prilep), plataforma nacional de organizacións xuvenís da República de Macedonia comprometida co apoio ao activismo xuvenil e a posta en marcha de accións para mellorar as condiciones para desenvolvemento persoal e profesional dos mozos.