DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta semana reúnense no campus os socios do proxecto europeo ENGood

Tres anos por diante para deseñar un programa de capacitación ‘social’ das futuras enxeñeiras e enxeñeiros

Búscase que non só se formen nas tecnoloxías, senón que se conciencien das súas derivadas prácticas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Internacional
  • TIC
  • Académica
D. Besadío DUVI 31/01/2024

Conseguir desenvolver un programa de capacitación que permita que as futuras enxeñeiras e enxeñeiros integren no seu proceso formativo as cuestións técnicas coa análise e avaliación das derivadas prácticas que esas tecnoloxías terán na sociedade, tanto a nivel político, como económico ou ambiental. Este é o obxectivo co que esta semana arrancou en Vigo o proxecto europeo Erasmus+ ENGood, Engineering for Good: Including social perspective in engineering programs, no que participan cinco entidades europeas: a Universidade de Vigo; a Universidade Tecnolóxica de Kaunas, en Lituania, que coordina o proxecto; a Universidade de Ghent, en Bélxica; o Instituto Politécnico de Porto, en Portugal, e a Fundación Graceland, de Polonia.

Dotado con 400.000 euros de orzamento, dos que arredor de 85.000 lle corresponden á UVigo, por diante quedan tres anos nos que deseñar e pór a proba os detalles dese programa de capacitación, unha guía de traballo capaz de dotar aos futuros profesionais da enxeñaría das habilidades necesarias para realizar unha revisión integral de como as novas tecnoloxías, e a súa comercialización, poden impactar a nivel persoal, social, económico ou político. 

Realizaranse actividades piloto en todas as universidades involucradas, así como unha escola de verán, neste caso en Oporto, na que se impartirán mostras dos diferentes cursos desenvoltos.

Docentes da EET e da Facultade de Educación e Traballo Social

Na Universidade de Vigo coordina o proxecto a profesora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigadora de atlanTTic, Verónica Santalla, do Grupo de Sistemas de Radio e, xunto con ela, participan tamén outros docentes, tanto da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, onde está a ter lugar a reunión, como da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense.

“Estamos acostumados a ver como as novas tecnoloxías se lanzan con moito bombo, pero logo chegan os problemas  á hora de implantalas na sociedade”, explica a coordinadora viguesa do proxecto, quen exemplifica esta afirmación co actual despegue de todo o que ten que ver coa Intelixencia Artificial, “unha tecnoloxía que pode axudar moito ao avance da sociedade, pero que ten tamén certos perigos derivados dun mal uso, cuestións sobre as que xa se empeza a lexislar”, recalca a docente.

Máis aló da formación técnica

O proxecto parte da idea de que a formación das escolas de enxeñaría está enfocada sempre á formación técnica, sen ter en conta as múltiples consecuencias que se poden derivar da aplicación práctica das diferentes tecnoloxías. Con este traballo búscase desenvolver unha metodoloxía para que cando se empece a enfrontar unha solución tecnolóxica, se intenten visualizar tamén cales poden ser as necesidades desde o punto de vista social e da implementación política para, en paralelo, ir xerando as leis que poidan ser necesarias ou, se así se cree conveniente, realizar as modificacións oportunas na propia tecnoloxía para evitar certos problemas. “En resumo, trátase de concienciar ao persoal técnico de que hai unha vida en paralelo e que, ás veces, a solución non son só os aspectos positivos, senón que, despois, na aplicación práctica desas tecnoloxías, pervértense os obxectivos ou contamínanse con aplicacións que non son as desexadas”, recalca Santalla.

A idea é que a medida que se estea desenvolvendo unha tecnoloxía se teñan en conta esas futuras aplicacións na sociedade e se poida avisar aos lexisladores, ás administracións e á sociedade en xeral das consecuencias que pode ter “e, polo tanto, estar preparados para facerlle fronte e que non haxa que facelo a posteriori”, subliña a docente.