DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha nova iniciativa para fomentar o espírito emprendedor entre o alumnado

A Universidade pon en marcha unha Rede de docentes promotores do emprendemento

De momento forman parte desta iniciativa seis profesoras e un profesor de distintas áreas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 14/03/2022

Fomentar o espírito emprendedor entre o estudantado desde cada unha das disciplinas das titulacións impartidas na Universidade de Vigo. Este é o obxectivo co que se acaba de pór en marcha a Rede de docentes promotores do emprendemento, unha nova iniciativa da que xa forman parte seis profesoras e un profesor pertencentes a distintas áreas de coñecemento. “A idea non é tanto que as persoas que integren esta rede sexan formadoras en materia de emprendemento, senón que actúen, na medida das súas posibilidades,  como facilitadores, contribuíndo  a que as alumnas e alumnos desenvolvan a súa vocación e competencias emprendedoras, dándolle orientación ou dirixíndoos ás iniciativas que temos á súa disposición desde a UVigo para facer máis fácil ese salto da idea ao proxecto empresarial”, explica a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini.

Polo momento forman parte desta nova rede a profesora da Facultade de Ciencias Maruxa Álvarez, actual directora da Área de Emprego e Emprendemento; Raquel Arévalo, Ángeles Pariente e María de las Mercedes Vila, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais; Concepción Gómez, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación; José María Núñez, do Centro Universitario da Defensa, e Dolores Docampo, do proxecto MoBAE. Todas e todos participaron no curso Competencias emprendedoras para o profesorado e, desde a vicerreitoría, aproveitaron a entrega de diplomas do curso para convidalos a coñecer o novo Espazo Incuvi da UVigo, instalacións das que lles abriron as súas portas “para levar a cabo calquera formación e dinámica que consideredes oportuna, tanto co voso alumnado como con entidades externas”,  insistiulles a vicerreitora.

Guías do alumnado con ideas emprendedoras

As principais funcións dos integrantes da rede serán participar nas diferentes formacións que promovan a adquisición de habilidades emprendedoras, promover actividades formativas e de estimulación do emprendemento entre o estudantado do seu centro, apoiar a organización e a difusión de actividades de emprendemento organizadas desde a vicerreitoría e propoñer traballos de fin de grao ou fin de mestrado que sexan susceptibles de transferencia á sociedade a través da recén estreada Colmea de Ideas ou de converterse nun proxecto empresarial e de formar parte do programa Incuvi.

 “Trátase de que axuden a incentivar o desenvolvemento de traballos e proxectos nos que o alumnado aplique e poña a proba a súa iniciativa empresarial para que despois poidan presentarse a outras convocatorias como o programa Incuvi ou a Colmea de ideas”, recalcou a vicerreitora. 

Ademais desta Rede de docentes prometores do emprendemento, desde a vicerreitoría  estase tamén a pór en marcha un grupo de innovación docente sobre emprendemento “no que debater novas iniciativas e, así, entre todos, poder estimular o emprendemento entre o alumnado dos nosos centros e enriquecer o ecosistema emprendedor da Universidade de Vigo”, recalcou a vicerreitora.