DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O impacto destas especies invasoras centrou a tese de doutoramento de Alejandra Guisande

A unlla de gato e a mimosa producen cambios estruturais nas comunidades micorrídicas dos ecosistemas atlánticos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
M. Del Río DUVI 15/12/2022

A comunidade científica ten abordado en múltiples estudos e proxecto o impacto que as especies exóticas invasoras teñen nos ecosistemas a diferentes niveis. O Laboratorio de Ecofisioloxía Vexetal da UVigo leva anos estudando como as plantas foráneas invaden e colonizan espazos ameazando a conservación da biodiversidade, xa que producen cambios nas propiedades físico-químicas do solo, afectan aos niveis de nutrientes e ao réxime hídrico e reducen a biodiversidade nativa. Pero ademais destes efectos, as plantas invasoras (IAPs polas súas siglas en inglés: invasive alien plants) tamén transforman as comunidades microbianas dos solos invadidos, un aspecto no que a investigadora do Laboratorio de Ecofisioloxía Vexetal Alejandra Guisande centrou a súa tese de doutoramento. 

Guisande explica que as plantas invasoras, unha vez establecidas, “forman novas asociacións mutualistas coas comunidades de microorganismos nativos”, unha relación que pode ter efectos positivos, negativos ou neutros. Para a súa investigación, centrouse en dúas das 100 especies invasoras máis perigosas do mundo e xa moi presentes en todo o territorio galego: a Acacia dealbata ou mimosa e o Carpobrotus edulis ou unlla de gato. A primeira é unha invasora fixadora de nitróxeno de ampla distribución en todo o noroeste peninsular, mentres que a segunda é de orixe sudafricana e actualmente pode atoparse múltiples hábitats por toda a costa atlántica ibérica. 

As interaccións fungo-planta

A investigadora da UVigo relata que as interaccións entre os fungos e as plantas son “fundamentais dentro da configuración dos hábitats terrestres” xa que desenvolven un papel clave na adquisición de nutrientes e na adaptación das plantas ao estrés ambiental, “chegando incluso ao punto de que algunhas especies presenten total dependencia para o seu crecemento”. Este é o caso dos fungos micorrícicos arbusculares (AMF), “considerados como unha das asociacións simbióticas máis importantes da natureza” e nos que Guisande centra a súa tese de doutoramento. O seu obxectivo é avaliar o impacto que a unlla de gato e a mimosa producen a nivel estrutural nas comunidades micorrídicas. 

Explica que a presencia das plantas invasoras pode afectar ás comunidades de AMF, “xeralmente diminuíndo a súa abundancia e alterando a súa composición”. Pero dado o papel clave dos fungos micorrícicos arbusculares, que poden establecer relacións mutualistas co 80% da plantas, é posible que “unha alteración na súa estrutura poida perturbar o equilibrio de funcionamento do ecosistema” e, como consecuencia, a capacidade de establecemento de especies nativas dependentes de AMF podería verse prexudicada”. 

Cinco experimentos

Na súa investigación Guisande parte do coñecemento previo xerado polo seu grupo de investigación sobre o proceso invasor da Acacia dealbata e do Carpobrotus edulis para determinar o impacto a nivel estrutural que teñen ambas especies sobre as comunidades de AMF. 

Para facelo, deseñou cinco experimentos para mellorar o crecemento vexetal en solos esterilizados; para avaliar os cambios estruturais sobre a comunidade de AMF producidos por ambas IAPs e para avaliar o efecto de diferentes comunidades de AMF sobre o crecemento e desenvolvemento de plantas nativas sometidas a diferentes niveis de estrés abiótico (luz-seca ou déficit de nutrientes).

Os datos obtidos permiten á investigadora determinar que tanto a unlla de gato como a mimosa “producen un cambio estrutural nas comunidades de fungos micorrízicos arbusculares nos matogueira invadidos ou nas dunas costeiras, o que implica consecuencias negativas para o establecemento e crecemento temperá de especies nativas dependentes de AMF”. Por tanto, engade a científica, “ponse de manifesto a importancia de recuperar a flora edáfica nos procesos de manexo e restauración desta especie invasora”.

A investigación tamén permite concluír que os AMF derivados das raíces de A. dealbata e C. edulis son capaces de colonizar especies nativas xeneralistas, como Plantago lanceolata ou Ammophila arenaria, respectivamente, “na mesma proporción que aqueles derivados da flora nativa”. Non obstante, puntualiza, “non teñen a mesma eficiencia para axudar a soportar algunhas das condicións de estrés impostas no medio como o déficit de luz, auga ou nutrientes. En consecuencia, apunta Guisande, “a presenza de novos AMF ou de proporcións diferentes dos distintos grupos cambia a capacidade adaptativa das especies vexetais de matogueira e duna y este é un dos factores que reduce a súa diversidade”. 

Estas conclusións, sinala a investigadora, ademais de incidir nos problemas xerados polas especies invasoras estudadas, “derivarán seguramente en modificacións nos procesos de xestión das especies invasoras, xa que queda demostrada a modificación da estrutura dos AMF nos ecosistemas naturais e a necesidade de recuperar a calidade do solo para conseguir unha restauración plena”, conclúe.