DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello de Goberno tamén aprobou a concesión dos premios extraordinarios de grao e doutoramento

A UVigo afianza o seu compromiso coa ‘canteira’ modificando as normas para a contratación de profesorado axudante doutor

Iniciáronse os trámites para a posta en marcha de novas titulacións no curso 2025/2026

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 24/01/2024

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobou este mércores, na súa primeira sesión do 2024, unha importante modificación das normas para a contratación de profesorado axudante doutor que abre unha vía para a consolidación profesional de persoal docente non permanente. Estes cambios normativos supoñen unha aposta pola canteira da institución e permitirán a incorporación á carreira profesional de novos docentes que axudarán a rexuvenecer un cadro de persoal envellecido e a facer fronte aos futuros procesos de xubilación.

A vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica, Patricia Valcárcel, foi a encargada de presentar a proposta ante o Consello de Goberno e amosouse “moi satisfeita, polo cambio que pode supoñer e polas boas perspectivas de cara á saída a concurso de prazas que poden implicar a consolidación de perfís de PDI na Universidade de Vigo”. 

Cun límite temporal de dous anos e medio, o que lle queda de mandato ao actual equipo de goberno, esta modificación da normativa permitirá a saída de prazas non previstas inicialmente coa normativa actual. Como explica Valcárcel, “a normativa para a saída a concurso de prazas de axudante doutor na Universidade de Vigo era limitativa, porque para a identificación das 240 horas que dan lugar á saída a concurso das prazas, incluíanse como docencia estrutural consolidable horas cunha marxe moi restritiva. O que fixemos foi ampliar o tipo de horas que se poden computar para acadar esas 240 horas”, subliñou a vicerreitora.

Esta modificación, como lembraron tanto a vicerreitora como o reitor, Manuel Reigosa, xurde pola necesidade de adaptar “o noso sistema normativo á LOSU” e, polo tanto, está ligada á recepción de fondos por parte do Goberno central. Neste sentido, o reitor informou de que se seguen a negociar co Ministerio de Ciencia, Innovación e Univesidades as achegas necesarias para pór en marcha a LOSU. “A nosa estimación é que necesitaremos arredor de 3,5 millóns de euros, non contemplados no Plan Galego de Financiamento” e serán estas achegas as que permitirán sacar adiante a modificación das normas para a contratación de profesorado axudante doutor, algo que o reitor cualificou como “punto estrela” desta sesión do Consello de Goberno. “Todo o que poidamos facer coas prazas vai depender destas contías”, explicaba Reigosa, “e en principio hai boas perspectivas para que as consigamos e son as que nos van permitir facer este despregue”. 

A pesar de que a estimación do número de prazas aínda se está depurando, a vicerreitora adiantou que “se poderán sacar máis do 50% de prazas de axudante doutor do que se podía coa normativa actualmente vixente”.

A principal novidade, a fórmula para computar a docencia consolidable

Segundo explicou a vicerreitora, a principal novidade na normativa para a contratación de profesorado axudante doutor está “na fórmula ou nas pautas para computar o que se pode entender como docencia consolidable ou docencia estrutural aos efectos de acadar as 240 horas necesarias para que os departamentos e unidades docentes que os compoñen poidan solicitar a saída a concurso de prazas de profesorado axudante doutor”. De acordo co sistema vixente ata agora, “había moitas horas impartidas por profesorado asociado, profesorado de lista de agarda ou outro tipo de figuras que non se computan e isto poñíanos nunha situación de prexuízo en comparación con outras universidades que, aproveitando a adaptación á LOSU, poden sacar moitísimas máis prazas de axudante doutor”. A partir da aprobación desta modificación comezarase a computar tamén para o cálculo das 240 horas o promedio de horas de recoñecementos académicos, de representación e docentes do profesorado permanente nos cinco últimos cursos académicos. 

Unha vez aprobados no Consello os cambios, a vindeira semana comezarán as xuntanzas cos departamentos, xa que o reitor aposta por que este sexa un proceso marcado pola corresponsabilidade. “Queremos que os departamentos tomen as rendas e determinen cando e como quere sacar as prazas que lles correspondan e que estas se adapten ás súas necesidades”, ao que a vicerreitora engadía que “nós poñemos o marco regulatorio, pero cada departamento coñece mellor ca ninguén a súa realidade e a situación do persoal que está traballando nel”. 

De caro ao futuro, o equipo non descarta “ir máis alá”, por exemplo, engadindo nestas modificacións a docencia nos mestrados que computan en POD. Polo de agora, sendo sempre “responsables” e asumindo que este cambio implica un “esforzo económico importantísimo para a Universidade”, esta opción quedará fóra na primeira fase e retomarase “en función do que se reciba do Ministerio”, xa que hai que lembrar que este plan se pon en marcha sen aínda saber a contía das achegas estatais e a falta de aprobarse os Orzamentos Xerais do Estado.

Novas prazas no plan de promoción de profesorado asociado acreditado para o curso 2024/2025

Outro dos puntos da orde do día aprobado este mércores foi unha nova convocatoria do plan de promoción de profesorado asociado acreditado, neste caso para o curso 2024/2025. O obxectivo, como explicou a vicerreitora Patricia Valcárcel, esta convocatoria “é a realización dun proceso selectivo para a promoción á figura de profesorado axudante doutor de persoal que durante os últimos anos ocupara con desempeño positivo prazas de profesorado asociado na Universidade de Vigo, e que ostente o título de doutor/a”. Como se recolle no plan, “seleccionaranse cinco profesores ou profesoras asociadas, aos que se recoñecerá o dereito a promoción a unha praza de axudante doutor e convocaranse as prazas correspondentes no primeiro concurso de profesorado para o curso 2024/2025. Cada unha destas prazas estará adscrita ao campus onde se dean as necesidades docentes básicas que xeran a praza, e a convocatoria correspondente rexerase polo baremo especifico acordado para as prazas de promoción e estabilización de persoal contratado pola Universidade de Vigo.

Os requisitos para poder participar nesta  convocatoria son os mesmos que en anos anteriores, é dicir, estar en situación de servicio activo como profesorado asociado na UVigo, ter sido contratado con esta figura durante os tres anos anteriores de forma ininterrompida, e durante polo menos 7 anos no últimos 10 e estear adscrito a unha unidade docente na que a diferencia entre a carga docente básica e a capacidade docente básica sexa igual ou superior a 240 horas. Como novidade, nesta nova convocatoria esixirase ter o título de doutor cunha antigüidade mínima dun ano.

Dous novos ‘dobres graos’ e sete novos mestrados para o curso 2025/2026

No que se refire a titulacións, o Consello de Goberno iniciou os trámites para a posta en marcha de novas propostas para o curso 2025/2026. Fíxoo coa aprobación da declaración de interese de verificación de dous novos PCEO (Programación Conxunta en Estudos Oficias), coñecidos como ‘dobres grados’, un en Enxeñaría Informática e Intelixencia Artificial, no campus de Ourense, e outro en Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas, no de Pontevedra. A estas propostas súmanse ademais sete novos mestrados e un programa de doutoramento en Ciencias da Saúde.

Entre os novos mestrados inclúese o Máster en Enfermaría, adscrito de maneira provisional a Fisioterapia, á espera de que se cree a Facultade de Enfermaría. Tamén para o campus de Pontevedra iría o mestrado en Incendios Forestais. Ciencia e Xestión Integral -que xa se está a impartir de xeito conxunto noutras universidades españolas ás que agora se uniría a UVigo- e os másters en Creación Artística Contemporánea e en Ciencia do Exercicio, Preparación Física e Readaptación Deportiva. No caso do campus de Vigo a idea é pór en marcha un Máster en Realidade Estendida, adscrito á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e outro sobre Literatura Dramática, Música e Artes Escénicas, dependente da Facultade de Filoloxía e Tradución. En Ourense as propostas serían un Máster en Criminoloxía, en Dereito, e outro en Prevención e tratamento das drogodependencias e condutas aditivas, neste caso en Educación e Traballo Social. 

De maneira máis inmediata, para o vindeiro curso 2024/2025, tamén se aprobaron as declaracións de interese dos novos PARS, Programas Académicos con Percorridos Sucesivos, para cinco enxeñarías: Biomédica, Tecnoloxías de Telecomunicación, Tecnoloxías Industriais, Informática e Aeroespacial. “Os PARS son programas de percorrido sucesivo no ámbito da enxeñería que  permiten comezar un máster sen ter rematado o grao, sempre que o número máximo de créditos pendentes non sexa superior a 30 e correspondan ás materias indicadas no plan de estudos de dito PARS”, explicou o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, quen tamén salienta que os PARS permitiranlle ao estudantado destas titulacións cursar de forma consecutiva os dous títulos vencellados, e contemplar unha maior flexibilidade para cursar as materias de ambos plans de estudos. 

Unha vez aprobada a declaración de interese de verificación, comezará agora o proceso de elaboración da memoria inicial, que deberá ser aprobada polas correspondentes xuntas de centro antes do 12 de abril, momento no que se porán a exposición pública da comunidade universitaria para a recollida de alegacións”, explica o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, ao que engadiu que a previsión é que a finais de xuño se poida dar o visto e prace en Consello de Goberno ás distintas verificacións para súa posta en marcha  no curso 2025/2026.

Os premios extraordinarios de grao e doutoramento, maioritariamente para mulleres

Outro dos puntos destacados desta sesión do Consello de Goberno por a aprobación da concesión dos premios extraordinario de grao e doutoramento do curso 2022/2023, nos que as mulleres son unha clara maioría. Dos 74 galardóns outorgados (53 de grao e 21 de doutoramento) 52 foron parar a mans de mozas e 22 de mozos. 

No que respecta aos premios extraordinarios de grao correspondentes, o Consello de Goberno aprobou a concesión de 53 galardóns (38 son alumnas), dos cales 13 corresponden ao campus de Ourense, 9 ao de Pontevedra, 23 ao de Vigo e outros 8 aos centros adscritos. No caso dos premios extraordinarios de doutoramento, concedéronse 21 distincións (14 para mulleres), 3 delas correspondentes ao ámbito de arte-humanidades; 7 do ámbito das ciencias; 2 do eido das enxeñarías e outros 9 do campo xurídico-social.

Estes galardóns entregaranse este mesmo venres, no transcurso do acto institucional de celebración do patrón das universidades, San Tomé de Aquino. O evento terá lugar ás 12.00 horas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, e nel tamén se fará entrega dos premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e mestrado e dos premios aos estudantes cos mellores expedientes de novo ingreso, tanto de grao como de mestrado neste curso 2023/2024.

Novos cargos para Miguel Michinel e Martín López Nores

No seu informe aos membros do Consello de Goberno o reitor lembrou que a comezos de febreiro a Universidade presentará unha nova solicitude de financiamento para o desenvolvemento da universidade europea ATHENA, Advanced Technology Higher Education Network Alliance, “un proxecto no que segue a traballar de xeito intenso moita xente da comunidade universitaria”. 

Ao respecto da Comisión de Estatutos, Reigosa indicou que xa está avanzado o título preliminar e o título I e que a previsión é que no segundo trimestre de 2024 se teña xa lista unha versión preliminar para traballar no Claustro. A maiores informou tamén do nomeamento do profesor Miguel Ángel Michinel, que ata o pasado mes de maio exercera como secretario xeral da UVigo, como novo Delegado de Protección de Datos, en substitución da profesora Ana Garriga e que será o profesor Martín López Nores, ata agora director da Área de Innovación Docente, o que desempeñe o cargo de adxunto ao reitor para Dixitalización, posto que ata hai uns meses ocupara José Juan Pazos Arias, recentemente falecido.