DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Financiado pola FECYT, forma parte das actividades do Plan de Ciencia de Ida e Volta da UCC+i

A UVigo edita a terceira edición do catálogo 'Quero ser investigadora' para continuar fomentando as vocacións científicas entre a mocidade

Os exemplares do libro distribúense en institutos de toda Galicia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI 23/06/2023

Visibilizar o traballo das investigadoras e proporcionar referentes actuais en ciencia, sobre todo entre as nenas e mozas, son os principais obxectivos que persegue a Universidade de Vigo coa publicación do catálogo Quero ser Investigadora 3. Esta publicación, financiada pola FECYT, forma parte das actividades do plan de Ciencia de Ida e Volta, o programa anual de actividades 2022/2023 da Unidade de Cultura Científica da UVigo.

Este novo volume, ilustrado por Olalla Fernández Álvarez, continúa coa proposta inicial coa que naceu esta publicación e recolle as historias doutras dez docentes da institución viguesa contan en primeira persoa a súa traxectoria no eido da investigación. Cada unha delas relata, dende diferentes campos do saber, como foi o camiño que as levou a elixir a ciencia como profesión. 

No preámbulo do libro, a vicerreitora de Comunicación e Relacions Institucionais, Mónica Valderrama, fai fincapé na necesidade de “continuar traballando para eliminar os estereotipos de xénero, nomeadamente no ámbito da ciencia, onde é preciso proporcionar referentes actuais”. Neste senso, a vicerreitora destaca que, en ocasións, “as persoas que consideramos referentes para a nosa vida están afastadas da nosa realidade” polo que considera importante “achegar historias de científicas reais e próximas coas que sentirnos identificadas”. 

A publicación está dirixida ao alumnado de Secundaria, tanto ESO como Bacharelato e distribúese nos institutos, xa que como destacan dende a Unidade de Cultura Científica e da Innovación, “o obxectivo é chegar á rapazada e ensinarlles que a investigación está ao seu alcance a través do exemplo de dez mulleres que soñaron con ser científicas e investigadoras e foron quen de conseguilo”.

Nesta terceira edición do catálogo as protagonistas son Ángeles Sanromán, Aurora García, Irimia Mollinedo, Laura Movilla, María Gómez, María José Vázquez, Marina Núñez, Coral del Río, Verónica Salgueiriño e Pino Díaz. As súas traxectorias céntranse en eidos diversos, dende as matemáticas e a química, ata arte, a comunicación, a economía ou o dereito, e elas mesmas, en primeira persoa, son as que relatan nesta publicación as súas historias.  

Dez historias de mulleres comprometidas coa ciencia

Unha das protagonistas do catálogo é a catedrática de Enxeñaría Química Ángeles Sanromán Braga, que comezou a súa carreira investigadora nun momento no que “había poucos referentes femininos na enxeñaría química porque existía a crenza de que era unha actividade que só podían realizar os homes”, recoñece. A investigadora subliña o indispensable papel de pioneiras como Pilar Careaga y Basabe, “a primeira muller en rematar os seus estudos en enxeñaría en España e tamén a primeira en conducir unha locomotora a motor”. 

Aurora García González, investigadora do eido da comunicación, conta que “tomar conciencia” das dificultades das persoas por mor da falta de comunicación levouna a querer investigar para mudar esta situación. Ademais, lembra a importancia dos estudos sobre a radio, que permitiron “mellorar a calidade do son e chegar ás persoas que non tiñan outro medio no que informarse”. 

A historia de Irimia Mollinedo Cardalda é a dunha cativa moi curiosa que sempre se fixo moitas preguntas. Logo de traballar como fisioterapeuta no ámbito asistencial, decatouse de que “cando quería solucionar algunha dúbida por medio da literatura científica, non atopaba respostas nos libros”. Así foi como decidiu que era importante “axudar a atopar esas respostas que botaba en falta”. 

Laura Movilla Pateiro conta neste libro que se dedica ao dereito internacional inspirada por Mafalda: “esa nena tan rebelde, crítica coas relacións norte-sur, a desigualdade e as inxustizas, idealista e con ganas de cambiar as cousas”. Movilla relata no catálogo a súa preocupación polos problemas ambientais globais —como as relacións coa auga—, algo que a levou a especializarse en dereito internacional do medio ambiente, do mar e da auga. 

As páxinas sobre María Gómez Brandón, bióloga investigadora do Grupo de Ecoloxía Animal, CIM-UVigo, convidan ás e aos lectores a descubrir a ecoloxía do chan, o proceso de vermicompostaxe para obter humus de miñoca ou os descubrimentos de Rosalind Franklin. 

Para María José Vázquez Figueiredo, do grupo de investigación Psicoloxía xurídica e da saúde: convivencia e benestar’, investigar supón “ter a oportunidade de cuestionar o preestablecido” e sinala que, para ser boa científica, cómpre “ser sensible, ter humanidade e empatía”. Nas súas páxinas relátase unha traxectoria vencellada ao estudo das causas asociadas a comportamentos antisociais e delituosos e, moi particularmente, ás respostas violentas no contexto das agresións contra as mulleres. 

Marina Núñez Jiménez, do grupo de investigación DX5 da facultade de Belas Artes, conta que se decatou de que pintar era “o seu” nos últimos anos da ensinanza secundaria. Aínda que os seus comezos están ligados á pintura, na actualidade traballa con imaxes e vídeos dixitais, “experimentando sobre identidades non canónicas, fóra do común, xa sexan metamórficas, híbridas ou de características múltiples”. 

Especialista en economía feminista, a investigadora do centro interuniversitario Ecobas Coral del Río Otero deixa claro que “aínda que a investigación non é unha actividade artística, si que é unha actividade moi creativa”. A catedrática de Economía Aplicada da UVigo explica que o seu traballo consiste en buscar xeitos de “medir a desigualdade, a pobreza, a discriminación e a segregación dende o enfoque feminista”. 

Verónica Salgueiriño Maceira, investigadora do Grupo de Materiais Magnéticos do CINBIO, transmítelle aos lectores a súa paixón pola aplicación dos materiais nanométricos á bioloxía e á saúde das persoas. Salgueiriño agarda que as súas investigacións sirvan para impulsar avances nos eidos da saúde e da espintrónica, unha rama da ciencia que aproveita propiedades dos electróns. 

O catálogo péchase con Pino Díaz Figueiredo, doutora en Psicoloxía e profesora titular na Facultade de Educación e Traballo Social. A súa investigación céntrase na creatividade no ámbito educativo, onde busca metodoloxías e recursos para aplicar ante os novos retos sociais e educativos que caracterizan as sociedades actuais. “Parece divertido, pero é moito máis complexo do que pensamos”, salienta.

Unha guía didáctica con actividades para as aulas

A publicación Quero ser investigadora 3 ten tamén unha versión dixital e acompáñase dunha guía didáctica que está dispoñible para a súa descarga a través dun código QR. Trátase dunha proposta de actividades coa que a Unidade de Cultura Científica e da Innovación pretende “axudar ao persoal docente que desexe integrar o catálogo nas súas clases”.

“O importante é que o alumnado dos centros coñeza a historia destas dez investigadoras e, para iso, queremos facilitar tanto ao profesorado como ás propias familias o acceso a ferramentas útiles que lles permitan traballar estes contidos”, sinalan dende a UCC+i. Ademais, como novidade deste ano, introdúcense contidos gamificados coa ferramenta Genially para complementar as actividades. “Esta aplicación achega un compoñente de animación e interactividade fundamental para as novas xeracións”, destacan.