DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Contará coas intervencións do reitor, Manuel Reigosa, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda

Vigo acollerá o venres o acto de apertura do curso académico das universidades galegas

A próxima semana desenvolveranse tamén as xornadas de benvida nos tres campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 01/09/2023

Tres días antes de que dean comezo as clases nas diferentes facultades e escolas, a Universidade de Vigo acollerá, o venres 8 de setembro, o acto de apertura do curso académico 2023/2024 das universidades galegas. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus vigués albergará nesta xornada un acto solemne no que están previstas as intervencións do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e do reitor, Manuel Reigosa, e no que a catedrática da Facultade de Belas Artes Yolanda Herranz impartirá a conferencia inaugural. 

Programado para as 12.00 horas, o evento contará coa asistencia de diferentes personalidades do mundo académico, social e político e ademais da do presidente da Xunta tamén está prevista a presenza do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez. Tras a entrada no salón de actos da comisión académica, integrada por togados e togadas das tres universidades galegas, o evento abrirase cunha lección inaugural da catedrática de Escultura Yolanda Herranz, titulada El autorretrato (del artista): Sombras, Reflejos y Reflexiones. Tras esta terán lugar as intervencións de Reigosa e Rueda, encargado de pechar un acto que contará coa actuación do Coro Universitario. 

A inauguración do curso académico celébrase cada ano de forma rotatoria nas tres universidades galegas e en 2022 desenvolveuse na Universidade de Santiago de Compostela. A última vez que a institución viguesa acolleu este acto solemne foi en setembro de 2020, nun contexto marcado polas restricións ás que obrigaba a pandemia da covid-19.

Con motivo desta inauguración oficial, a xornada do 8 de setembro foi declarada non laborable na UVigo, de tal xeito que o resto de dependencias da institución académica permanecerán pechadas.

Xornadas de benvida nos tres campus

Este acto solemne pechará unha semana na que os tres campus da institución académica acollerán unhas xornadas de benvida dirixidas a achegar ao alumnado de novo ingreso información sobre as actividades, servizos e instalacións que a UVigo pon a súa disposición. Esta actividade arrancará o vindeiro martes 5 na Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra e celebrarase ao día seguinte no Pavillón Universitario de Ourense. Por último, a xornada desenvolverase no pavillón do campus vigués o xoves 7.

Nas tres datas, as xornadas desenvolveranse entre as 10.00 e as 14.00 horas e nelas o alumnado poderá recibir información sobre cuestións como a tarxeta universitaria, transporte e aloxamento, voluntariado e asociacionismo, bolsas, mobilidade, biblioteca, cultura, deporte e igualdade. Estas citas contarán tamén con música, agasallos e bebidas e ábrense por primeira vez ao novo alumnado de mestrado e doutoramento, que poderá recibir información do Servizo de Posgrao e do Campus Aberto da Escola Aberta de Formación Permanente. De xeito paralelo, terá lugar tamén nos tres campus unha charla informativa para o estudantado internacional, que se incorpora á UVigo a través de diferentes programas de mobilidade, complementada pola presentación dos cursos de idiomas e un test de nivel de español.