DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O acordo foi rubricado este venres polo reitor, Manuel Reigosa, e o presidente do ODHE, Mario Rigau

Vigo, a primeira universidade en asinar un convenio de colaboración co Observatorio de los Derechos Humanos de España

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 15/09/2023

Neste ano 2023 celébrase o 75 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, na que os máximos dirixentes e responsables do mundo deron un paso adiante en prol da defensa duns valores mínimos para a convivencia e desenvolvemento da humanidade. Aínda que o progreso neste tempo ten sido evidente, “seguen a existir situacións que deben ser evitadas e, por este motivo, se creou en 2021 o Observatorio de los Derechos Humanos de España, ODHE”, como explica Patricio Sánchez, profesor do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade e membro desta entidade. 

O obxectivo do ODHE é pór en valor as iniciativas implementadas por institucións que promovan a protección dos dereitos humanos e que poidan ser consideradas como unha referencia ou exemplo a seguir. Para avanzar neste propósito, o observatorio abriu unha liña de colaboración coas universidades e este venres concretouse un convenio marco de colaboración coa UVigo, asinado polo reitor, Manuel Reigosa, e o presidente do ODHE, Mario Rigau.

O acordo, cunha vixencia de catro anos, vai permitir abrir portas a todo tipo de intercambios e colaboracións en proxectos culturais de interese común, así como á promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres homes en todos os ámbitos da sociedade. Segundo expresou o reitor, para a UVigo é moi importante pechar esta colaboración “porque a nosa é unha institución absolutamente comprometida cos principios que impulsan os dereitos humanos e tamén coa nova LOSU, que pon enriba da mesa que as universidades temos que xogar un papel fundamental no desenvolvemento destes dereitos e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”. Neste sentido, Reigosa recalcou que grazas a este acordo “imos xuntar forzas para, entre todos, ser quen de facer avanzar máis a sociedade. Temos unha responsabilidade importante a estes efectos a través da acción docente, da investigación e a transferencia e consideramos, dende hoxe, o ODHE como un socio prioritario”.

Pola súa banda, o responsable do observatorio recoñecía que este era un día especial porque “aínda que dentro do observatorio temos altos representantes de universidades, tanto públicas como privadas, este é o primeiro convenio marco que asinamos cunha universidade nun ano especialmente significativo, cando se compren 75 anos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos”. Rigau agradeceu as xestións do profesor Patricio Sánchez, como membro do observatorio, e salientou o feito de que a UVigo conte cun marco de definición de boas prácticas en materia de dereitos humanos que a converte “nun referente neste eido”.

Respecto dos retos que o observatorio identifica na defensa dos dereitos humanos, Rigau explica que dende o observatorio poñen o foco nas directrices de Nacións Unidas e consideran que os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible “son os prioritarios”. De feito, engade que “o mundo universitario ten un papel específico dentro destes ODS” e apunta que esta mesma semana o ODHE participou no II Congreso Iberoamericano en Educación en DDHH, que pilotan unha serie de universidades iberoamericanas, “e un dos eixos do congreso foi precisamente analizar o enorme potencial que teñen as universidades para abrir espazos de boa xestión en dereitos humanos, non só dentro da institución, senón tamén na súa contorna xeográfica e social”.

Charla no Máster en Xestión Empresarial do Deporte esta tarde

A primeira actividade que se materializa ao abeiro convenio será a intervención de Mario Rigau, presidente do ODHE, esta tarde como poñente da conferencia inaugural do Máster en Xestión Empresarial do Deporte. Baixo o título Conseguiremos un deporte campión de dereitos humanos? repasará os principais fitos acadados polo deporte como ferramenta a prol da igualdade e desenvolvemento humano, facendo fincapé en cuestións como a non discriminación, a loita como a violencia, a procura da paz ou sostibilidade. O relatorio, aínda que inserido nas actividades académica do mestrado, está aberto a toda a comunidade universitaria e comeza ás 16.30 horas.