DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reuniuse co reitor e o seu equipo de goberno

Visita ao campus do director da Axencia Estatal de Investigación, Domènech Espriu

Tamén mantivo unha xuntanza con responsables de diferentes centros de investigación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HRS4R
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 05/07/2023

Apenas un mes despois da visita ao campus do ministro de Universidades Joan Subirats, o reitor, Manuel Reigosa, e o seu equipo de goberno tiveron este mércores a oportunidade de manter unha nova xuntanza, neste caso co máximo responsable da Axencia Estatal de Investigación, Domènech Espriu, quen aproveitou esta visita á Universidade de Vigo para manter tamén un encontro, acompañado da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, con representantes dos diferentes centros de investigación (CIM, CINBIO, atlanTTic…), directores de área (Transferencia, Vigo Tecnolóxico, Internacionalización…),  e a Escola Aberta de Formación Permanente, entre outros.

Organismo adscrito ao Ministerio de Ciencia e Innovación, a Axencia Estatal de Investigación é a entidade encargada de xestionar a maior parte das convocatorias de subvencións do Plan Estatal de I+D+i e a máxima responsable de xestionar e promover a excelencia da investigación española. Entre os seus obxectivos atópase a promoción da investigación técnica e científica en todas as áreas de coñecemento a través da asignación competitiva de recursos públicos, o seguimento das accións financiadas e o seu impacto, o asesoramento na planificación de acción e iniciativas dos plans e políticas nacionais de I+D.