DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa está aberto tanto á comunidade universitaria como a persoas vinculadas

Volve Augaventura para un outono pasado por auga

Ofrece flyboard, rafting, surf, wakeboard, windsurf e mergullo e ruta a San Simón

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 18/09/2023

Un outono pasado por auga, pero non da choiva, senón do mar ou dos ríos. Esta é a proposta do programa Augaventura, que regresa co comezo do curso para convidar á comunidade universitaria a practicar deportes acuáticos na contorna natural. 

Impulsado pola Área de Benestar, Saúde e Deporte, esta edición de outono retoma a proposta da pasada primavera, ofrecendo durante os meses de outubro e novembro sesións de flyboard; descenso de rápidos; unha ruta á illa de San Simón que combina caiac, andaina e snorkel; surf; wakeboard; windsurf e mergullo. O obxectivo do programa, con máis de 20 anos de historia, é facilitar que os membros da comunidade universitaria se inicien na practica de deportes acuáticos que requiren de certo equipamento para a súa práctica. A inscrición está aberta a través de Campus Activo.

Dende o 14 de outubro ata o 5 de novembro

O mergullo será a primeira actividade do calendario, que conta con dúas datas para elixir: 14 e 28 de outubro e o escenario serán as illas Cíes. Os prezos van dos 45 euros para comunidade universitaria, familiares e persoas egresadas, ata 67,5 euros para outros colectivos vinculados e 90 euros para as e os acompañantes e inclúen o desprazamento en barco dende o peirao de Bouzas. As datas límite de inscrición son o 8 e 22 dese mes. 

Ao día seguinte arrancarán os bautismos de surf, que terán lugar na praia de Patos os días 15, 22 e 29 de outubro, sendo as datas límite de inscrición os días 8, 15 e 22. Os prezos varían entre os 6€, os 9€ e os 12€ segundo o colectivo.

O día 17 de outubro é a data elixida para as persoas que queiran coñecer o windsurf. As e os inscritos, que deben facelo antes do 8 de outubro, poderán iniciarse neste deporte en Bouzas cuns prezos que varían entre os 10€, os 15€ e os 20€.

A seguinte a cita será co descenso de rápidos cunha única data, o 20 de outubro no río Miño ao seu paso por Arbo. O prazo de inscrición está aberto ata o 15 de outubro e os prezos da inscrición varían segundo os colectivos: 15€ para membros da comunidade universitaria, familiares, egresados ou persoas xubiladas; 22,5€ para outras persoas vencelladas á UVigo e 30€ para persoas alleas que acompañen a un membro da comunidade, estando o transporte incluído no prezo.

Un día despois, o 21, Augaventura ofrece unha da citas máis completas do programa: a ruta pola illa de San Simón, que combina diferentes modalidades deportivas como caiac, andaina e snorkel para coñecer tanto a illa como os fondos mariños e as lendas do lugar. A data límite de inscrición será o 15 de outubro e o custe varía entre os 20€, 30€ e 40€.

Xa no mes de novembro está programada unha sesión de iniciación ao flyboard, unha modalidade na que se emprega unha táboa suxeita aos pés cunhas botas que propulsan un chorro de auga controlado que permite elevarse sobre o mar. A sesión desenvolverase no peirao de Bouzas e o prezo varía entre os 20€ para membros da comunidade universitaria, familiares, egresados ou persoas xubiladas; os 30 euros para outras persoas vencelladas e 40 euros para as persoas alleas á institución que participen como acompañantes. Para participar cómpre inscribirse antes do 29 de outubro. 

Xa para pechar a programación de Augaventura, o 5 de novembro terá lugar unha sesión de wakeboard ou esquí acuático no peirao de Bouzas. Os prezos son de 10 euros para a comunidade universitaria, familiares e alumni; 15 euros para outros colectivos vencellados á UVigo e 20 para o resto da cidadanía que participe como acompañante. A data límite de matrícula será o 29 de outubro.

Unha cita co swing

Máis aló de Augaventura e do resto de actividades dirixidas, escolas deportivas, etc. a Área de Benestar, Saúde e Deporte organiza unha serie de propostas puntuais para fomentar a práctica deportiva e loitar contra o sedentarismo. Un deses convites terá lugar o día 27 deste mes de setebrmo no pavillón do campus de Vigo e permitirá ás e aos asistentes achegarse ao swing. Entre as 13.00 e as 15.00 horas en calquera momento da sesión, os membros da comunidade universitaria poden unirse a esta cita de baile sen necesidade de inscrición previa nin de ir en parella, co único requisito de levar calzado deportivo e roupa cómodo.