DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas polo Nodo CIBER.gal na Escola Superior de Enxeñaría Informática

Unhas xornadas abordan o futuro da ciberseguridade en Galicia

O seu obxectivo foi analizar os retos e oportunidades que supón esta tecnoloxía

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Reitor
  • TIC
  • Transferencia
DUVI Ourense 13/06/2023

A Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do campus de Ourense acolleu este martes a celebración da xornada Ciberseguridade en Galicia: perspectiva e visión de futuro. A cita estivo organizada polo Nodo CIBER.gal en colaboración con esta escola da UVigo e co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). O seu obxectivo foi achegar ás persoas asistentes o "forte atractivo” deste sector para fomentar a creación de talento especializado, as oportunidades reais que supón especializarse neste ámbito e o día a día dun profesional deste eido.

Visión de futuro

A xornada foi inaugurada por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Julián Cerviño, director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que promove este Nodo CIBER.gal. Na súa intervención, o responsable académico, que estivo acompañado por Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, puxo en valor “o camiño que se está a percorrer no eido da ciberseguridade” en Galicia e recalcou a súa convicción de que neste camiño “é moi importante que sumemos forzas porque xuntos somos moitísimos máis fortes”. Así, destacou exemplos de colaboración das tres universidades e o goberno galego neste senso como a posta en marcha dos graos e mestrados en Intelixencia Artificial, que no caso da UVigo se imparten na ESEI, e conseguir para Galicia a sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial.  O reitor apuntou que a base para un futuro mellor en ciberseguridade require da combinación do talento que hai tanto nos distintos centros universitarios como na administración e recalcou que “o futuro está aberto e está nas nosas mans”.

Pola súa banda, Julián Cerviño lembrou que “a ciberseguridade é algo que nos afecta a todas as persoas. A velocidade de transformación dixital en todos os sentidos obríganos a estar alerta, tanto como cidadáns, como empresas, como profesionais e por suposto como organismos públicos ao servizo da sociedade”. Esta tecnoloxía, recalcou, “converteuse nunha prioridade para os gobernos de todo o mundo. Non é unha opción, senón unha necesidade. Temos que protexer a información na contorna dixital e frear a crecente ameaza da ciberdelincuencia”. O director de Amtega apuntou que a ciberseguridade “é unha tecnoloxía transversal” precisa para a “estabilidade e avance dunha nación e a protección dos seus cidadáns”. Neste contexto dixo que “Galicia sitúase á vangarda nesta aposta”, indicando que o goberno galego ten actuacións en marcha no eido da ciberseguridade que suman un investimento propio de máis de 7 millóns de euros.  Ademais, engadiu, “por ser unha das tecnoloxías prioritarias para Galicia estamos a traballar nunha estratexia galega en ciberseguridade”. Hai, comentou, “un gran reto por diante” como é “construír unha Galicia máis cibersegura”. Para afrontar este reto, o responsable institucional indicou que é preciso “contar con talento especializado” e puxo en valor as oportunidades que supón este sector no eido profesional e a alta demanda de perfís especializados. Julián Cerviño tamén sinalou na súa intervención que “a provincia Ourense será referente en ciberseguridade” coa construción do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, na Tecnopole, centro que, dixo, “traerá consigo innumerables oportunidades e permitirá á nosa comunidade manter a dianteira en innovación e desenvolvemento desta tecnoloxía”.

Diferentes puntos de vista

Na xornada colaboraron entidades e persoas referentes no seu ámbito de interese, como o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) e Román Ramírez, experto en ciberseguridade e fundador da RootedCon, ou os docentes da ESEI Miguel Díaz-Cacho e José Ramón Méndez , entre outros. O programa incluíu unha mesa redonda na que se abordou a actualidade e o futuro da profesión do CISO (que é a figura responsable da xestión da seguridade e protección da información que manexa unha organización para mantela a salvo e previr ciberataques ou roubo de datos); obradoiros prácticos para espertar o interese pola ciberseguridade e tamén a presentación da Estratexia Galega de Ciberseguridade 2030, a cargo da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

CIBER.gal, indican desde a súa organización, é un proxecto promovido por Amtega de colaboración que une ao sector público e privado para favorecer unha contorna dixital segura en Galicia e enfrontar os desafíos aos que se deben enfrontar empresas, cidadanía e administracións públicas para protexer os seus activos no ciberespazo. Conta con máis de 55 entidades públicas e privadas integradas no seu ecosistema. Adrián Lence, director de Área de Infraestrutura e Seguridade de Amtega foi o encargado de arrancar a xornada falando da evolución e futuro deste nodo.