DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Están organizadas polo grupo de investigación da Facultade de Ciencias BiotecnIA

Unhas xornadas afondan na valorización de subprodutos da industria agroalimentaria mediante procesos innovadores

As sesións corren a cargo da profesora Margherita Pettinato, da Università di Genova (Italia)

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 02/03/2023

A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolle este xoves e venres as xornadas Valorización de subprodutos da industria agroalimentaria mediante procesos innovadores: o reto dun futuro sostible. A relatora é a profesora Margherita Pettinato, da Università di Genova (Italia), que está a realizar unha estadía no grupo de investigación organizador das xornadas, o grupo BiotecnIA (Biotecnoloxía Industrial e Enxeñaría Ambiental). O obxectivo da actividade é  “discutir o papel da investigación no desenvolvemento de procesos non convencionais, a optimización de variables de proceso e métodos de post-procesado na recuperación de compostos de alto valor engadido a partir de residuos agroalimentarios e explorar as súas novas explotacións potenciais nos sectores alimentario, cosmético e farmacéutico”.

Margherita Pettinato é profesora asistente no Departamento de Enxeñaría Química Civil e Ambiental da Università di Genova. Licenciada en Enxeñaría Química, obtivo o doutoramento en Enxeñaría Química, de Materiais e de Procesos pola tese de doutoramento Valorización de pousos de café gastados mediante tecnoloxías de extracción verdes e innovadoras: optimización de procesos e estabilización de produtos para fins industriais. A súa principal actividade investigadora céntrase na recuperación de compostos de alto valor engadido mediante a valorización de subprodutos da industria agroalimentaria mediante técnicas de extracción non convencionais, a preservación da súa bioactividade e biodispoñibilidade mediante procesos de micro e nanoencapsulación e a súa aplicación en alimentos activos de embalaxe. Os resultados da súa actividade investigadora foron publicados en revistas internacionais e presentados en congresos nacionais e internacionais. É ademais cofundadora da spin-off universitaria Best.

Froito desta bagaxe, nas xornadas, a convidada falará ao público asistente sobre a valorización de residuos da industria agroalimentaria mediante procesos non convencionais, a extracción de compostos de alto valor engadido a partir de pousos de café, os procesos de encapsulación de compostos bioactivos para formulacións de novos produtos e o papel dos residuos agroalimentarios no envasado de alimentos. Estes contidos, tal e como explicou na apertura da cita José Manuel Domínguez, coordinador de BiotecnIA, están en consonancia coa liña de investigación deste grupo da Universidade de Vigo no eido da valorización de residuos da industria agroalimentaria.