DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CCXX e do Traballo elixiu a este escritor, lexicógrafo e avogado para bautizar o novo galardón

Xosé Lois Franco Grande dará nome ao Premio de Investigación Xurídica en Lingua Galega

O prazo de presentación de traballos para o certame finalizará o día 20 de abril

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Lingua Galega
  • Investigación
M. Del Río DUVI 04/03/2022

A comezos deste ano, a Facultade de Ciencias Xurídicas e Traballo poñía en marcha unha iniciativa pioneira no centro, un premio de investigación xurídica en lingua galega. Para darlle nome o centro convocou unha votación popular, de xeito que fose a propia comunidade a que elixise entre tres propostas de persoeiros senlleiros con relación tanto co mundo da cultura galega como do eido xurídico. Tras un mes coas urnas abertas, esta semana deuse a coñecer o nome da persoa que bautizará este novo certame: o escritor, lexicógrafo e avogado Xosé Lois Franco Grande.

A votación popular rematou con 53 votos para Franco Grande; 36 para Roberto González Pastoriza e 27 para Fermín Bouza Brey, “unha terna de nomes vencellados á cultura galega e ao dereito”, como explica Xosé Manuel Pacho, vicedecano e coordinador de Normalización e Políticas Lingüística da facultade. Neste sentido, o docente recalca que “por razóns da histórica discriminación da muller na sociedade non se contou con xuristas recoñecidas, agardando que no futuro esta eiva poida ser superada”. Pacho amósase moi “satisfeito” pola resposta do centro a esta iniciativa, “tendo en conta cantos somos na facultade e que votaron alumnos, profesores, persoal administrativo…”

Xosé Lois Franco Grande, nado en Tomiño en 1936, licenciouse en Santiago e, posteriormente, afincouse en Vigo, onde exerceu a avogacía e foi xefe da Asesoría Xurídica de Caixa Vigo. Foi tamén membro da Real Academia Galega da Lingua e publicou numerosos artigos e traballos sobre diferentes figuras da cultura galega e colaborou con diferentes medios de comunicación como La Voz de Galicia, La Noche, Ínsua, Grial, etc. Tamén formou parte do consello de Editorial Galaxia e destacou como escritor, tanto de poesía como de teatro, aínda que unha das súas obras máis coñecidas é o Dicionario de galego-castelán publicado en 1968, que se converteu nun instrumento fundamental para a recuperación da lingua galega, tras a prohibición durante o franquismo, e que vendeu máis de cincocentos mil exemplares.

O prazo de presentación de traballos, ata o 20 de abril

O Premio de Investigación xurídica en lingua galega Xosé Lois Franco Grande, impulsado polo decanato, ten como obxectivo fornecer o proceso de dinamización lingüística da Universidade de Vigo e fomentar o emprego da lingua nos traballos de investigación xurídica. O certame está aberto calquera persoa que estivese matriculada durante os cursos 2019-2020, 2020-2021 e neste 2021-2022 nunha titulación de calquera das universidades do Estado. O prazo de presentación dos traballos, que deberán ser individuais, finalizará o día 20 de abril de 2022. Establécense dúas modalidades, unha para o estudantado en xeral do sistema universitario e outra para o da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, cada unha delas dotada de 400€. O xurado do premio estará integrado polo decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, que o presidirá, polo profesor Pacho, como coordinador de normalización lingüística da facultade, e por un máximo de tres membros do claustro deste centro. Esta comisión avaliará os traballos atendendo á calidade investigadora, ao interese do tema a tratar, ao enfoque empregado e á corrección lingüística.