Este xoves celebrouse unha xornada con este obxectivo
Sementando a interdisciplinariedade entre o persoal investigador do campus
As e os participantes traballaron no desenvolvemento de proxectos conxuntos
Un obradoiro de dúas horas de co-creación de proxectos de investigación interdisciplinares entre os membros da comunidade universitaria do campus de Ourense. Así se presentou o Obradoiro de proxectos internacionais de elaboración de propostas conxuntas que tivo lugar este xoves no Edificio de Ferro.
Coa súa celebración, as entidades organizadoras, a Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Oficina de Proxectos Internacionais da Universidade de Vigo, co apoio do Campus da Auga, quixeron “convidar á comunidade investigadora do campus a participar e contribuír ao impulso da cooperación entre diferentes liñas e grupos de investigación”. Fomentar esta interdisciplinariedade, subliñou Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, é unha “das teimas e dos compromisos que temos desde a vicerreitoría”.
Áreas principais de financiamento da Unión Europea
A iniciativa, explicaron desde a súa organización, xurdiu para “favorecer sinerxías entre investigadoras e investigadores do campus de Ourense e promover o desenvolvemento de proxectos internacionais multidisciplinares, coa posibilidade de valorar un proxecto que sexa representativo do campus”. “A intención é que os investigadores e investigadoras do campus de Ourense poidan desenvolver dentro das áreas principais de financiamento da Unión Europea de cara ao próximo ano ideas semente que permitan o traballo interdisciplinar entre diversas áreas de especialización”, comentaron na inauguración Pilar Casals e Antía Fernández, encargadas de impartir o obradoiro coa consultora Inthemove.
O traballo para as e os numerosos investigadores presentes arrancou cunha presentación de cada un deles e das súas liñas de traballo e continuou cunha serie de propostas de ideas que se foron agrupando en áreas financiables por parte da UE. Divididos en grupos de traballo arredor dun interese común e nos que non había máis de dúas persoas da mesma área, as e os investigadores traballaron sobre as súas ideas, tendo en conta o tempo limitado de desenvolvemento do obradoiro. Na sesión afondaron tamén en cales serían as partes principais do proxecto e que cousas deberían facer nos vindeiros 15 días para que siga vivo.