DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras obter o aval do 68% dos 85 votos emitidos

Rebeca Díaz renova cargo como directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

Captación de alumnado e internacionalización serán os eixes prioritarios do seu programa de goberno

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
D. Besadío DUVI 13/03/2024

A catedrática do Departamento de Enxeñaría Telemática Rebeca P. Díaz Redondo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación desde marzo de 2021, manterase outros seis anos á fronte deste centro tras renovar este mércores a confianza da Xunta de Escola nunha xornada electoral na que acudiron as votacións  85 persoas -das 131 que estaban chamadas ás urnas-, rexistrándose 58 votos a favor, 21 en contra e seis votos en branco. 

Agradecida polo apoio recibido, Díaz inicia agora unha nova etapa na que o máis urxente será a finalización do proceso de reforma do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación e o Máster en Enxeñaría de Telecomunicación, e na que os temas de captación de alumnado e internacionalización serán eixe prioritario do seu programa de goberno. Xunto a ela póñense mans a obra, o seu renovado equipo directivo: Pedro Comesaña Alfaro, Verónica Santalla del Río e Ana María Cao Paz, como subdirectores/as, e Pedro Salvador Rodríguez Hernández como secretario.

Mirada posta en dobres mestrados e dobres titulacións internacionais

Unha vez rematada a reforma do grao e do mestrado, a dirección da escola tratará de avanzar na oferta de dobres mestrados, combinando o Máster en Enxeñaría de Telecomunicación con outros ofertados no centro, entre eles o Máster en Internet das Cousas e o Máster en Ciberseguridade, así como con outros títulos  da UVigo.

Nesta mesma liña, pero xa a nivel internacional, Díaz explica que este ano se asinou un acordo de dobre titulación entre o Máster en Enxeñaría de Telecomunicación e o Master of Science in Electronics and Telecommunications da Lodz University of Technology, de Polonia, e a idea é seguir ampliando este tipo de colaboracións.  No ámbito da internacionalización a EET conseguiu tamén estender a súa rede de intercambio con dous proxectos KA171: un centrados nos países da zona dos Balcáns occidentais e outro en Palestina e, nesta nova etapa, tratarán de ampliar este rede de intercambios a países como Exipto e Xordania. “O Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación que ofertamos en inglés está tendo éxito nestes países de fóra do Espazo Europeo de Educación Superior, polo que seguiremos tratando de captar estudantado nestas zonas xeográficas”, recalca Díaz.

Novas actividades coorganizadas coas empresas do sector

Conscientes de que a captación de alumnado é un dos retos máis importantes que teñen a día de hoxe as escolas de Enxeñaría de Telecomunición, Vigo entre elas, nos últimos tres anos a dirección da escola puxo en marcha diferentes iniciativas dirixidas a visibilizar esta titulación entre o alumnado pre-universitario, as súas familias e o seu profesorado. Ademais das liñas xa abertas, como as Olimpíadas de Teleco, os LPRO Days, ou as xornadas de portas abertas, teñen xa bastante avanzado o lanzamento dunha nova iniciativa na que contarán co apoio das empresas que forman parte de conexionTeleco, unha ampla rede de entidades que colaboran habitualmente co centro en numerosas actividades, tanto ofertando prácticas profesionais como colaborando co patrocinio de premios e axudas.

A colaboración das empresas, do estudantado e do persoal docente e investigador do centro, será tamén esencial para unha das medidas que xa ten en mente este novo equipo directivo, un programa de mentorización pensado “para que calquera estudante do centro, especialmente os que acaban de chegar o que levan pouco tempo, poidan recorrer a unha figura de confianza que os asesore”, unha medida que agardan contribúa a reducir as taxas de abandono que se rexistran na escola, “non tan elevadas como noutras enxeñarías, pero que tamén nos preocupan”,  salienta a directora, quen considera que “captando estudantado máis motivado” se conseguirán reducir, pero que con isto non será suficiente.