DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita está organizada por persoal investigador de posdoutoramento deste centro

200 científicos e científicas de nove países debaten no Annual Meeting do CINBIO sobre novas ferramentas para a medicina do futuro

O evento tense convertido nunha cita de referencia no eido da biomedicina e os nanomateriais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 20/07/2023

Hai seis anos, as e os investigadores de posdoutoramento co Cinbio, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, decidiron poñer en marcha unha cita anual coa investigación máis punteira nas áreas de biomedicina e nanomateriais: o Annual Meeting. A sexta edición desta iniciativa, que se ten consolidado como un encontro científico multidisciplinar de primeiro nivel, arrancou hoxe no campus e boa mostra do seu tirón son os preto de 200 participantes procedentes de nove países diferentes.

A cita, que se celebra no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais, desenvolverase ao longo do día de hoxe e na mañá deste venres. O encontro conta con oradores invitados internacionais e nacionais procedentes de disciplinas como os nanomateriais, a oncoloxía, a bioinformática, a bioestatística, a inmunoloxía, a síntese química e outras disciplinas abordadas polo CINBIO. O obxectivo é abrir, ao longo das dúas xornadas, un debate creativo sobre novas ferramentas para a medicina do futuro conxugando as achegas procedentes e todas estas áreas. 

Unha xuntanza de alcance internacional

No acto de apertura do simposio, a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, puxo en valor que este evento se teña convertido “nun símbolo de innovación, colaboración e progreso no campo da biotecnoloxía e ciencias da vida” e lembrou que CINBIO é un dos tres centros de investigación de referencia da Universidade de Vigo e “estamos moi orgullos de poder dicir que se ten convertido nun plataforma líder que reúne a mentes brillantes de diferentes orixes e disciplinas, constituíndo unha rede global de científicos unido por un propósito común que é avanzar nas fronteiras do coñecemento para beneficio da humanidade a través da biomedicina e biotecnoloxía”.

Por parte do CINBIO no acto de apertura interveu Isabel Pastoriza, membro do equipo directivo do centro, que salientou que o obxectivo principal do evento é “reunir a científicos académicos, estudantes e investigadores da industria para fomentar, promover e recoñecer a investigación científica sobresaínte”. Lembrou que dende o seu inicio en 2017, este encontro anual foi sempre integramente organizado polos investigadores de posdoutoramento do CINBIO e tense consolidado como “unha plataforma para debates interdisciplinarios, facilitando o intercambio de experiencias e achados de investigación sobre diversos temas de investigación científica e social” e tamén como foro de discusión de “desafíos prácticos atopados e as solucións correspondentes”. 

Segundo Pastoriza, o feito de contar con participantes de nove países diferentes fai que a xuntanza teña “realmente un alcance internacional e ademais o programa integral brinda amplas oportunidades para establecer contactos e interacción entre os asistentes”. A investigadora tamén trasladou o agradecemento do CINBIO ao persoal investigador que se encargou da organización do evento, así como aos membros do comité científico, aos poñentes e aos presentadores de pósters. “Co voso apoio e participación, o noso obxectivo é garantir o éxito futuro deste encontro”. 

Finalmente, en representación do Concello de Vigo asistiu Jaime Aneiros, concelleiro de Orzamentos e Facenda, que subliñou “a importancia da investigación científica na Universidade e na cidade de Vigo” e destacou que cinco dos seis centros tecnolóxicos que ten Galicia están nesta cidade. 

194 participantes, 20 presentacións orais e 85 de pósters

Aínda que a previsión inicial do comité organizador era contar con 150 participantes, a cifra final foi bastante superior, con 194 persoas inscritas procedentes de nove países diferentes. En total terán lugar 20 presentacións orais e 85 presentacións de pósters, que forman o núcleo deste encontro, ademais da participación de 12 conferenciantes convidados: Luis Liz Marzán, catedrático de Química Física da UVigo e investigador do Cinbio e do CIC biomaGUNE; Sara Abalde-Cela, investigadora do International Iberian Nanotechnology Laboratory de Braga; Roberto de la Torre Martínez, investigador do Karolinska Institutet de Estocolmo; José Alemán, profesor titular na Universidad Autónoma de Madrid; Sovan Sarkar, profesor titular na University of Birmingham; Manel Juan, xefe da plataforma de inmunoterapia do Hospital Clínic de Barcelona; Patricia Horcajada, directora da Unidade de Materiais Porosos Avanzados da Fundación IMDEA Energía; María Mayán, investigadora do Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña; Cristina Vieira, investigadora do Instituto de Investigação e Inovação em Saúde da Universidade do Porto; Luz Calle, profesora titular da Universitat Politècnica de Catalunya; Katherine Villa, investigadora do Instituto de Investigación Química de Cataluña e Francisco Fernández Trillo, investigador distinguido do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía e da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña.

Precisamente, o encargado de abrir o simposio foi o profesor Liz Marzán, cun relatorio sobre os mecanismos de crecemento e a resposta óptica das nanopartículas metálicas quirais.