DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dun requisito previo a admisión no grao, que seguirá o procedemento fixado pola CIUG

Aberta ata o 2 de abril a inscrición nas probas para o acceso a Ciencias da Actividade Física e do Deporte

Dirixidas a garantir un correcto aproveitamento da titulación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 20/03/2024

Garantir que o futuro alumnado do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte “presente unhas condicións físicas axeitadas e seguras para o aproveitamento” desta titulación é, como recolle a súa convocatoria, o obxectivo das probas de aptitude para o acceso a estes estudos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Ata o 2 de abril permanece aberta a inscrición nestas probas, que constitúen un requisito previo para aqueles e aquelas que queiran cursar unha titulación e que non exime de realizar os trámites de admisión aos estudos universitarios oficiais de grao fixados pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG).  

Nese senso, serán o expediente académico e as cualificacións da ABAU as que determinen quen obterá praza o vindeiro curso nesta titulación, sempre e cando as e os aspirantes obtivesen a cualificación de aptos ou aptas nestas probas, sendo válidas as superadas noutra universidade española. De feito, como apunta o decano desta facultade, Óscar García, unha das novidades no presente curso é que as probas realizadas na UVigo serán recoñecidas na Universidade da Coruña. Como recolle a convocatoria, están exentos deste requisito as persoas acreditadas como deportistas de alto nivel ou de alto rendemento polo Consejo Superior de Deportes ou o organismo competente da comunidade autónoma. Tampouco terán que realizalas novamente aqueles e aquelas que as superasen o pasado curso, xa que a cualificación ten unha validez de dous cursos.

Dirixidas a garantir as aptitudes necesarias para o correcto desenvolvemento das competencias propias da titulación, trátase de probas de adaptación ao medio acuático, forza explosiva dos membros superiores e dos inferiores, axilidade con obstáculos, mobilidade articular, habilidade ximnástica e resistencia aeróbica. As e os aspirantes deberán acadar as marcas mínimas fixadas no regulamento en seis destas sete probas, incluíndo sempre a de adaptación ao medio acuático. 

Dúas oportunidades

A inscrición poderá realizarse ata o 2 de abril a través da sede electrónica da UVigo, debendo realizarse tamén o pagamento dos prezos públicos estipulados. Co obxectivo, como recolle a convocatoria, de que as persoas con discapacidade “poidan realizar as probas nas debidas condicións de igualdade”, poderá solicitarse tamén unha adaptación das probas. Pechado este prazo, o 8 de abril publicarase a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas e o 14, a definitiva. As probas desenvolveranse o 21 de maio na facultade e na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e tanto quen non logre superalas como quen non poida acudir disporá dunha nova oportunidade para realizalas o 18 de xuño.