A desaparición dos políticos entre os grupos das persoas máis poderosas do mundo, é unha mostra representativa do que está a mudar o concepto de poder nas sociedades actuais. O seu lugar está sendo substituído polo poder económico e, dentro del, principalmente poder financeiro. Para afondar na contraposición entre estes dous poderes, o xornalista e analista Joaquín Estefanía ofreceu un relatorio co que se clausurou o ciclo de conferencias Universium. “Nas elites poderosas, os primeiros postos están ocupados por empresarios, comunicadores e financeiros”, explicou. Segundo Estefanía, esta supremacía do económico sobre o político é a base arredor da que se organiza a globalización: “a globalización é económica, non política e, dentro da economía, o poder reside no ámbito financeiro”. Deste xeito, a política en moitos casos xa non é o primeiro poder, incluso pode chegar a ser o terceiro, por detrás do poder económico e do mediático.
Joaquín Estefanía é director da Escola de Xornalismo da Universidade Autónoma de Madrid / El País, xornal que dirixiu entre 1988 e 1993 e do que agora é columnista.
14/11/2007