DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovida polo alumnado, coincidindo co patrón da EE Forestal e o Día Internacional dos Bosques

O ciclo vital do lobo, a cetraría ou a prevención de incendios centran a Semana Forestal 2024

Aberta ao público, pon tamén o foco na apicultura e na gandaría

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 18/03/2024

Coincidindo coa celebración, este xoves 21, do patrón da escola, San Leandro, e tamén do Día Internacional dos Bosques, a EE Forestal substitúe por uns días a actividade académica habitual por un conxunto de conferencias e actividades promovidas polo alumnado. A importancia da apicultura, o ciclo do vital do lobo, a cetraría ou o labor dos servizos de defensa contra os incendios forman parte das temáticas que, entre este luns e mércores, abordaranse na Semana Forestal 2024, un programa de actividades promovido pola Delegación de Alumnado da escola, abertas á cidadanía. 

“Trátase de charlas que buscan complementar a formación que se dá nas aulas” e que teñen como protagonistas “xente que vive do sector forestal”, sinalaba Uxío Silva, presidente da delegación, na inauguración desta Semana Forestal. Neste acto, os representantes da delegación estiveron acompañados polo director en funcións da escola, Juan Picos, quen lembrou que, coincidindo coa celebración do San Leandro, o centro outorga ao alumnado “tanto a liberdade como a responsabilidade” da organización dunha serie de actividades dirixidas a complementar a súa formación.

Dunha cata de meles ao comportamento do lobo

A Semana Forestal abriuse na mañá deste luns cun relatorio de María de Diego, secretaria da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia, no que afondou na importancia da apicultura para o territorio e a preservación da biodiversidade, para logo deterse no labor da indicación xeográfica. Esta actividade viuse complementada por unha cata, a cargo da técnica da IXP Beatriz Ríos, que amosou ao alumnado as características de diferentes tipos de meles monoflorais.

O segundo relatorio tivo como protagonista o lobo ibérico e correu a cargo do axente medioambiental Jorge de Dios Aizpuru, cunha ampla experiencia no estudo desta especie no sur da serra da Culebra. Nun relatorio ao que asistiu tamén alumnado da Escola de Capataces Forestais de Lourizán, o conferenciante buscou amosarlles como identificar os rastros que permiten determinar “a presenza do lobo sobre o terreo”, para logo deterse “no seu ciclo anual, desde o punto de vista reprodutivo”, co propósito de que coñecesen “a súa forma de vida e o seu comportamento”, explicou.

Cetraría, gandaría e prevención de incendios

A xornada do martes arrancará cun coloquio sobre a historia, os usos e a importancia da cetraría, que en 2020 foi declarada patrimonio cultural inmaterial da humanidade pola Unesco, a cargo de Carlos Gallego, presidente da Asocación Galega de Cetreiros e Criadores de Aves Rapaces. A continuación, as xornadas contarán coa participación do gandeiro Roberto Louzán, xerente da marca O Agro, quen, xunto cun veterinario da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), afondará “nas vantaxes de contar con gando nos montes”, así como na problemática “que teñen na actualidade os gandeiros co lobo”, como apuntou Silva. 

Finalmente, o mércores 20 terán lugar unha serie de actividades promovidas coa colaboración da Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural e centradas no Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia. Desde este departamento, explicou Silva, achegarán á escola “unha unidade técnica de extinción, unha unidade táctica e de análise, unha brigada forestal e unha motobomba”, que poderán verse no aparcamento do centro. Divididos en diferentes grupos, as e os asistentes poderán ir coñecendo estes efectivos, á vez que participan nunha serie de charlas “sobre o funcionamento do dispositivo, as emisoras que utilizan, os softwares de xestión como XeoCode, os procedementos operativos, a análise que realizan da meteoroloxía, as queimas prescritas ou a utilización dos drons”, apunta Silva, que recoñece que se ben en edicións anteriores da Semana Forestal xa houbera actividades centradas neste servizo, nunca contarán cun “despregue” destas características por parte da Dirección Xeral de Defensa do Monte. 

Finalmente, tras tres semanas de conferencias e talleres, a Semana Forestal 2024 completarase o xoves 21 co día dedicado á propia celebración do San Leandro, no que o centro acollerá diferentes actuacións musicais.