DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto organizado polo Consello Social e coa participación do reitor, Manuel Reigosa

Francisco Michavila presenta na UVigo o seu particular relato de 40 anos de ‘Pasión por la educación’

O libro aborda a educación superior en España desde as súas raíces recentes ata o futuro inmediato

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Publicacións
  • Institucional
D. Besadío DUVI 17/01/2024

Pasión por la educación. Poucas veces o título dun libro resume con tanta precisión a vida do seu autor, neste caso Francisco Michavila, catedrático de Matemática Aplicada da Universidad Politécnica de Madrid, reitor honorario da Universitat Jaume I e testemuña de excepción da evolución que experimentou nos últimos decenios a educación universitaria en España. A obra presentouse este mércores no edificio Redeiras nun acto organizado polo Consello Social e no que se deron cita numerosos profesionais e autoridades do mundo da educación, encabezados polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, e a tenente de alcalde do Concello de Vigo e ex-ministra Elena Espinosa, quen asistiu en nome do alcalde, Abel Caballero, que por motivos de axenda non puido asistir á presentación, pero que recibiu ao autor da obra a primeira hora da mañá na sede da Alcaldía.

Xuntos converteron esta presentación nun foro de diálogo sobre o pasado, o presente e o futuro das universidades españolas. Todos falaron da importancia que ten a educación para o avance da sociedade e de como a Universidade “ten que ser faro”, no sentido de guiar á sociedade buscando solucións e transmitíndoas á sociedade, unha reflexión na que coincidiron o presidente do Consello Social e o propio reitor, quen aproveitou este acto para lembrar, “unha vez máis”, que “a Universidade está ao servizo da sociedade”. Ciencia, educación e Europa foron algunhas das palabras máis repetidas, así como numerosos eloxios ao autor dun libro que chega “amparado por miles de horas de traballo xeneroso”, como recalcou Ernesto Pedrosa, que agradeceu a presenza no acto, entre outros, do ex-reitor, Luis Espada; a concelleira de Educación, Olga Alonso, ou as vicerreitoras Natalia Caparrini, Belén Rubio e Susana Reboreda.

A obra, publicada pola editorial Tecnos, do grupo Anaya, é o testemuño persoal de catro décadas de historia da educación superior e da política universitaria en España e Europa. A modo de relato novelado, Michavila percorre a súa xuventude e madurez, dedicadas ao que cualifica o oficio máis fermoso que existe: a docencia. Nese percorrido aborda o futuro das universidades a través das políticas universitarias que definen non só a súa organización e funcionamento, tamén a relación entre docentes e estudantes, a docencia, a ciencia ou a relación coa contorna e os territorios.

Experiencias persoais mesturadas con diálogos con recoñecidas personalidades

A través de diferentes capítulos, o libro aborda a educación superior desde as súas raíces e fundamentos recentes ata as cuestións principais que definirán o seu futuro próximo: os tipos de universidades, a formación do profesorado ou o estímulo da creatividade dos estudantes. 

O fío condutor do relato son as súas experiencias persoais, combinando estes feitos reais, descritos con precisión, con  numerosos diálogos con recoñecidas personalidades do mundo da educación, o pensamento e a política cos que ten compartido vivencias, entre eles, Alfredo Pérez Rubalcaba, Esperanza Aguirre, Gregorio Peces Barba, o ministro francés de Educación, Claude Allégre ou o Premio Nobel Aaron Klug.

Dispoñible nos principais centros comerciais e portais de venda por Internet, así como na Casa do Libro, entre outras librarías, Pasión por la educación é, tal e como se recalcou durante a presentación, unha lectura imprescindible para profesionais da educación, docentes e estudantes, xestores universitarios, responsables de política universitaria, así como calquera outra persoa interesada na educación universitaria en España.