DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 650 estudantes participan neste centro no evento final de Pontenciencia

O futuro da ciencia faise presente na Escola de Enxeñaría Forestal

Alumnado de 18 centros dá a coñecer as súas investigacións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Feiras e exposicións
  • Visitas
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 05/05/2023

Dos traballos para construír un compás de auga do CEIP Vidal Portela, á investigación sobre se os nenos e nenas crecen máis no verán que no inverno do CEIP de Ponte Sampaio, pasando polo estudo de se é posible predicir o voo dun avión de papel do colexio San Martiño. Os resultados das investigacións desenvolvidas polo alumnado de 18 centros de ensino de Pontevedra preséntanse ao longo deste venres na Escola de Enxeñaría Forestal, no marco da X Feira da Miniciencia, o evento final de Pontenciencia, un programa dirixido a estimular a participación cidadá nos procesos científicos. Impulsado pola Concellería da Educación, co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt) e a colaboración, entre outros, da Vicerreitoría do campus, o evento final deste programa reúne nesta xornada máis de 650 estudantes de diferentes niveis educativos.

O evento arrancou na mañá deste venres coa presentación das investigacións realizadas polos nenos e nenas de primaria, que defenderon os proxectos nos que traballaron nas aulas nos últimos meses diante dun comité avaliador integrado por unha vintena de investigadores e investigadoras, tanto das facultades e escolas do campus, como do Centro Universitario da Defensa (CUD) e do CSIC. Presidido pola profesora da escola Purificación Marcet, este xurado encárgase de decidir que proxectos serán premiados na categoría de Ciencia no Cole, á que concorren 15 investigacións realizadas nos CEIP Santo André de Xeve, San Martiño, Froebel, Manuel Vidal Portela, Ponte Sampaio e A Xunqueira II, así como nos CRP Calasancio, Sagrado Corazón de Pontevedra e Sagrado Corazón de Praceres e no CEE Pontevedra.

Ademais dos comités avaliadores, o estudantado presentou tamén os seus proxectos ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e ao concelleiro de Educación, Tino Fernández, que estiveron acompañados polo director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, e o polo secretario académico da escola, José Manuel Casas. “Para nós é un evento importante, porque a Universidade ten que chegar á sociedade”, salientou Torres dunha iniciativa que non só achega estudantes de primaria e secundaria ás aulas e laboratorios, senón “tamén ás súas familias”. Do mesmo xeito, Casas puxo tamén de relevo o positivo de Pontenciencia en termos de “visibilidade para a escola e para o campus, pero tamén para a ciencia, porque é unha boa forma de iniciarse nela”, con resultados, recoñeceu, “moi sorprendentes para a etapa educativa na que están”. 

Institutos e familias toman o relevo

Despois dunha mañá na que os protagonistas foron os nenos e nenas de primaria, esta X Feira da Miniciencia continúa na tarde deste venres coa presentación doutras 17 investigacións, realizadas neste caso por esudantado de secundaria, bacharelato e formación profesional, que optan aos premios Homenaxe á muller investigadora, patrocinados polas empresas Marine Instruments, Setga, Viaqua, Cristalería Pontevedresa e Hifas da Terra. Concretamente, participan nesta categoría os IES Luis Seoane, Montecelo, Torrente Ballester e Valle Inclán, os CIFP A Xunqueira e Carlos Oroza, o CFEA Lourizán e o CPR Sagrado Corazón de Praceres.

Por último, a actividade continuará na mañá deste sábado coa presentación das sete investigacións realizadas na por 17 familias para a categoría Ciencia en Familia, o que sitúa nun total de 39 o número de proxectos que optan aos premios e diplomas que se outorgarán este sábado ás 13.30 horas.

Das ‘fake news’ aos lentes de realidade virtual

Ademais de para presentar os seus traballos, o estudantado dos dez colexios que compiten na categoría de Ciencia no Cole puido participar na mañá deste venres nunha vintena de talleres, dirixidos a achegalos ás aplicacións da ciencia en múltiples eidos, da astronomía á cociña, pasando pola preservación da biodiversidade. Entre outras propostas, puideron coñecer as aplicacións das imaxes dos satélites Sentinel na prevención e análise dos incendios forestais, da man de investigadoras e investigadoras da escola, así como visitar o arboreto do campus ou afondar nos efectos da difusión de noticias falsas, nunha actividade promovida polo proxecto DebaTRUE, que coordina o grupo de investigación CP2, da Facultade de Comunicación.

A esta programación de talleres incorporouse neste 2023 a Escola de Enxeñería Industrial, que amosou a nenos e nenas diferentes aplicacións da robótica ou dos lentes de realidade virtual. A rapazada puido coñecer así mesmo o monopraza deseñado polo alumnado que integra a escudaría UVigo MotorSport. Ademais, á décima edición de Pontenciencia súmase por primeira vez o Programa Universitario de Maiores (PUM) da UVigo, a través de catro talleres. Este venres tivo lugar o primeiro, centrado nas características e aplicacións dos drons, que se repetirá de novo o sábado. Nesta segunda xornada, o PUM promove tamén un taller sobre a historia da fotografía, así como unha actividade que permitirá aprender a xogar ao xadrez, tanto nun taboleiro normal como nun xigante, e un obradoiro centrado na evolución das formas de habitar e coidarse a través da linguaxe e dos obxectos da vida cotiá.