DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Denominada 'Nikoulabasis roseosticta', foi descuberta na illa de Vanua Levu

O grupo EcoEvo describe unha nova especie de libélula en Fixi

Nun artigo realizado con investigadores locais, de Estados Unidos e de Nova Zelandia 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 22/02/2024

Conformado por máis de 300 illas, o arquipélago de Fixi reúne un bo número de especies de libélulas que non poden atoparse en ningunha outra parte do mundo, ás que agora engadese a Nikoulabasis roseosticta, descrita por primeira vez nun artigo asinado polo catedrático da UVigo Adolfo Cordero, coordinador do grupo de investigación EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación), xunto a investigadores de Estados Unidos, Nova Zelandia e do propio arquipélago. “Trátase dun animal raro e moi grande. É morfoloxicamente a máis diferenciada das especies endémicas de Fixi”, recoñece o investigador da Escola de Enxeñaría Forestal dunha libélula que recibe o seu nome da cor rosada que presenta na parte externa das ás.

Publicado na revista Zootaxa, o artigo no que se describe esta nova especie é resultado da colaboración entre Cordero e o investigador da Universidade de Stanford Christopher Beatty, quen era investigador posdoutoral do grupo EcoEvo cando se levaron a cabo os primeiros traballos de campo que permitiron detectar exemplares dunha especie “pouco frecuente”, como recoñece o catedrático da UVigo. De feito, a súa descrición é o resultado da análise de exemplares atopados en diferentes puntos de Vanua Levu nos anos 2008, 2019 e 2023, no marco de diferentes traballos. Xunto a estes dous investigadores, asinan o artigo a estudante de doutoramento da University of the South Pacific Bindiya Rashni e o entomólogo do Ministerio do Sector Primario de Nova Zelandia Milen Marinov. 

Un longo abdome diferénciaa doutras especies endémicas

A característica máis “rechamante” desta especie, apunta Cordero, é a cor rosa fucsia que presenta no seu pterostigma, unha cela na parte externa das ás. Mais a Nikoulabasis roseosticta destaca tamén por “un abdome moi longo”, que a diferencia doutras especies endémicas do arquipélago, e que podería servir “para pór os ovos dentro de plantas que acumulan auga e onde poden vivir as larvas”, como apunta o investigador. “Outras especies doutros lugares do mundo con ese aspecto son habitualmente habitantes das bromeliáceas, plantas que teñen forma de roseta e acumulan auga na base das follas, onde viven as larvas de libélulas, que depredan sobre outros organismos que usan o mesmo ambiente, como as larvas de mosquito ou de anuros”, engade o responsable do grupo EcoEvo, que incide, non obstante, en que no referido a esta nova especie isto “terá que ser investigado no futuro”. 

Xunto a estes elementos, o estudo detense noutras “características estruturais” que diferencian esta especie das súas conxéneres, como un ancho lóbulo distal, os dentes finos que presenta no ovipositor ou o feito de contar con “ás delicadas” con menos veas suplementarias que outras especies.

Integrante dun novo xénero

No marco dun proxecto de investigación sobre a diversidade de comportamentos en diferentes especies, integrantes do grupo EcoEvo describiran recentemente outra especie endémica en Vanua Levu, á que deron o nome de Nesobasis rito. Non obstante, a continuación do traballo levado a cabo nos últimos anos nas illas levou aos entomólogos á definición do novo xénero Nikoulabasis, ao que se transferiron varias especies, como a N. rito. “Estudando máis especies, consideraron que o antigo xénero Nesobasis”, no que se inserían máis de 30 especies que só poden atoparse en Fixi, “era demasiado diverso e dividírono”, explica Cordero. Nese senso, a N. roseosticta “encaixa pola súa morfoloxía e polo ADN no grupo Nikoulabasis e por iso decidimos xa incluíla directamente no novo xénero”, que pasa a estar integrado por oito especies.

Non obstante, o coautor deste artigo Milen Marinov atópase traballando “nunha revisión de todas as especies de Nesobasis e Nikoulabasis”, que pode dar lugar a variacións nesta clasificación, ao que poderían sumarse descricións de novas especies no arquipélago. “Poucas deben quedar, pero é posible que aínda quede algunha por descubrir”, recoñece Cordero, que lembra que “moitas zonas de Fixi non teñen acceso ou é extremadamente complicado”.